Escoitar

Os redactores do Pxom estiman que o documento pode estar rematado en xaneiro de 2003

xoves, 8 nov 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o programa de traballo presentado por Consultora Galega S.L., a empresa encargada da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. O calendario confeccionado polos técnicos de Consultora marca a data de xaneiro de 2003 para entregar o documento que debe ser aprobado posteriormente pola Corporación municipal.

O Programa de Traballo presentado polo equipo redactor do Pxom acurta sensiblemente os prazos fixados no prego de prescripcións técnicas que rexeu o concurso para a adxudicación do contrato. Isto é o posible ó reducírense as primeiras fases de elaboración, as correspondentes á preparación do documento de Diagnose e do Avance de Planeamento.

O documento previo de Diagnose do Plan entregarase ao Concello na segunda metade de xaneiro. Unha vez aprobado comezaría a preparación do avance. O equipo redactor considera que, gracias ó nivel de coñecemento acadado sobre a problemática urbanística de Vigo e á coincidencia no tempo coa elaboración do Plan Estratéxico, poderíase reducir o período de confección do documento do avance. Segundo os seus cálculos pode entregarse ao redor do 31 de maio de 2002, o que faría posible que se adoptase o acordo de exposición pública antes de finais de xuño.

O equipo redactor xulga que abonda cun período de tres meses para recibir as suxerencias ou propostas de convenio sobre o documento de avance, polo que en outubro estaría en condicións de comezar a preparar o documento de Ordenación. A entrega faríase no mes de xaneiro de 2003. A partir dese momento competeríanlle ao Concello os trámites para a aprobación inicial do Pxom.