Escoitar

María Bayo e Veronique Werkle: cancións clásicas no festival Are-More

mércores, 7 nov 2001
imx752.jpg
María Bayo
O Festival Are-More ofrece neste concerto unha selección de cancións de autores clásicos dos últimos tres séculos. Na voz da soprano María Bayo, acompañada pola pianista Veronique Werkle, a sesión do festival do venres 9 de novembro no Cine Fraga-Caixa Galicia contará con pezas curtas de compositores como Mozart, Strauss, Granados ou Toldrá. Trátase de cancións escritas, na súa maioría, dentro de composicións de maior contido, pero que por si soas constitúen importantes mostras da música clásica.

A cantante navarra María Bayo está considerada na actualidade como unha das mellores voces do panorama español e internacional, cunha proxección moi importante nos escenarios de todo o mundo. Estudiou en Pamplona e en Alemaña e recibiu leccións de Teresa Berganza. As súas innegables condicións para o canto fixérona acredora, moi cedo, de importante premios, aínda que foi no ano 1988, ó acada-lo primeiro posto no concurso internacional de Viena, cando se lle abriron as portas dos principais escenarios nacionais e internacionais.

Os críticos eloxiaron, sobre todo, a luminosidade do seu timbre de voz, así como a harmonía e o brío do que fai gala cada vez que sube a un escenario, no que demostra as súas aptitudes para encarna-los distintos personaxes que ten que interpretar. Ten pisado as salas máis importantes do panorama musical: La Scala de Milán, Covent Garden de Londres, Teatro Colón de Bos Aires, Metropolitan de Nova York, óperas de París, Lión, Marsella, Montpellier, Lisboa, Madrid, etcétera. Ó longo da súa carreira fixo gala dun amplo repertorio, interpretando obras de autores tan diversos como Rossini, Donizetti, Puccini, Haendel, Massenet, Bizet, e sobre todo, Mozart. Bayo actuou baixo a batuta dalgúns dos máis prestixiosos directores, como é o caso de Sinopoli, Plasson, Albrecht, López Cobos, Jacobs, e un longo etcétera.

A cantante foi compañeira musical habitual de Alfredo Krauss e de Plácido Domingo, cos que se prodigou en concertos e gravacións orientados a difundir polo mundo a música de autores españois: gravacións como La Atlántida de Falla, Bohemios e Doña Francisquita de Vives, La Verbena de la Paloma de Bretón, e outras. Entre os seus últimos traballos en disco destaca, sobre todo, as Arias de Mozart, recoñecido unanimemente pola crítica de todo o mundo: Arias e Cantatas de Haendel: Antígona de Traetta: etcétera.

María Bayo logrou un clamoroso éxito en 1999 na apertura oficial do Liceo, no seu papel de Liu na ópera Turandot de Puccini, e posteriormente co papel de Mimí en La Bohème, na Ópera de San Francisco. Recitais en Francia e en España completaron a súa última tempada. Para a presente, ten compromisos para actuar en Los Angeles, Marsella, Barcelona e Madrid.

Con María Bayo estará no concerto de Are More a pianista Veronique Werkle, que iniciou a súa carreira obtendo Primeiros Premios en Música de Cámara e Piano en Francia, no Conservatorio de Metz. Posteriormente, colabora co pianista Jean Francois Heisser, en París.

Estudiou canto no Conservatorio Nacional de París, onde obtivo o Primeiro Premio por unanimidade en 1994.

Cada vez máis atraída pola carreira de pianista acompañante, traballa actualmente con Paul von Schilawsky en Barcelona e Rudolf Jansen en Ámsterdan, especialmente en repertorios de lied.

Foi pianista acompañante permanente no Conservatorio de Metz durante moitos anos, e invitada en varias ocasións polas óperas de Metz, Nantes, Dublín e o Festival Klangbogen de Viena, con Bertrand de Billy. Ademais, tocou en numerosas ocasións acompañando a cantantes e instrumentistas en Francia, Brasil, Grecia e Suecia, entre outros países.

É pianista acompañante: en numerosos Concursos, incluíndo Concursos de Francia e Portugal: para Isabel Penagos e en España no Concurso Plácido Domingo.

Actualmente é pianista do Gran Teatro do Liceo de Barcelona.


BIOGRAFÍAS

PROGRAMA


Descargar todas as imaxes