Escoitar

O Verbum inaugora a exposición "Eduardo Blanco Amor. A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973"

A exposición "Eduardo Blanco Amor. A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973" que se poderá ver no Verbum-Casa das Palabras do 13 de xaneiro ao 15 de marzo , pretende dar a coñecer a ollada particular do escritor, a súa personalidade, querenzas e actitudes diante da multiplicidade coa que o mundo se lle mostraba e que el trasladou, tamén, á súa obra literaria.

martes, 13 xan 2009
1231853841eduardoblancoamor.jpg
Eduardo Blanco Amor é un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX. A súa obra literaria abrangue todos os xéneros, da poesía aos libros de viaxe, pasando polo relato e a novela, onde destaca A Esmorga, considerada pola crítica como renovadora do xénero no ámbito da literatura galega.

Paralelamente ao seu labor como escritor e xornalista, desenvolveu unha intensa e continuada
actividade como fotógrafo. E é que o Blanco Amor fotógrafo é inseparable do Blanco Amor escritor, xa que esta obra gráfica foi desenvolvida polo autor durante toda a súa vida cunha intención claramente estética e documental. Unha forma máis, pero ben importante pola dedicación que lle consagrou, da súa necesidade de apreixar o mundo no que viviu, de integralo na súa vida e de tentar explicalo dende a súa propia concepción da realidade.

Deste xeito, a obra gráfica de Eduardo Blanco Amor ten un importante valor como documento
histórico, xa que recupera para a cultura galega a memoria histórica e biográfica dun dos seus
escritores máis salientables. Así mesmo, boa parte das súas fotografías está formada por retratos dos seus amigos. Aquí atopamos reflectida a amizade con escritores como Alberti e García Lorca, e con políticos como Manuel Azaña ou Indalecio Prieto.

A exposición A ollada do desexo pretende – a través dun discurso estético contextualizado polos referentes históricos contemporáneos ao autor – dar a coñecer a ollada particular do escritor, a súa personalidade, querenzas e actitudes diante da multiplicidade coa que o mundo se lle mostraba e que el trasladou, tamén, á súa obra literaria.

HORARIO:De martes a domingo, de 10:00 a 19:00h
INFORMACIÓN E RESERVAS no Tfn: 986 240 130. E-mail verbum@iservicesmail.com.
ENTRADA GRATUÍTA
Descargar todas as imaxes