Escoitar

O MARCO de Vigo fai balance das súas actividades no ano 2008

O MARCO pechou 2008 con preto de 100.000 visitantes anuais, unha cifra récord na historia do centro, segundo o balance cuantitaivo presentado polo Museo de Arte Contemporáneo. Neste ano 2008 —o primeiro na que a entrada ao museo foi gratuíta durante todo o ano— rexistrouse un aumento de público respecto a períodos anteriores, cun total de 96.120 visitantes entre os meses de xaneiro e decembro, o que supuxo un incremento do 9,4% respecto ao ano anterior (87.027 en 2007). Estas cifras, sumadas aos visitantes de anos anteriores (24.040 entre novembro e decembro de 2002, 51.955 en 2003, 47.095 en 2004, 58.470 en 2005, e 72.470 en 2006) amosan un total de 437.177 visitantes dende a data de apertura ao público o 13 de novembro de 2002 ata o 31 de decembro de 2008.

venres, 9 xan 2009
12315041796aniversario.jpg
Finalizado o ano 2008, e con vistas á preparación da súa Memoria anual de actividades, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo comeza a facer balance dos eventos no ano que acaba de rematar, tanto dende o punto de vista dos obxectivos e características da súa oferta de programación como da acollida da mesma por parte de distintos públicos.

A programación do MARCO en 2008 incluiu un total de 9 exposicións temporais: ‘Xeopolíticas da animación’, ‘Paraísos indómitos’, ‘Paixóns privadas, visións públicas’, ‘O medio é o museo’, ‘A grande transformación’, e ‘7+1 Project Rooms’, ademais das mostras de Carme Nogueira, Oliver Añón e Suso Fandiño para o Espazo Anexo. Continuando coa liña que caracteriza ao centro, todas elas foron mostras de produción propia ou coproducidas con outras entidades como CAAC, Centro Andaluz de Arte Contemporáneo; Koldo Mitxelena Kulturunea; Frankfurter Kunstverein; e Instituto Cervantes. Os temas e liñas argumentais das exposicións colectivas foron dende a investigación sobre o coleccionismo privado en Galicia [‘Paixóns privadas, visións públicas’] ata a historia da animación na súa vertente artística [‘Xeopolíticas da animación’], a reflexión sobre o poder da maxia como nova forma de resistencia individual [‘A grande transformación’] ou sobre a visión das relacións do ser humano coa natureza [‘Paraísos indómitos’], pasando polo análise do papel do museo como lugar de acción e experiencia con ‘O medio é o museo’, comisariada polos galegos Pablo Fanego e Pedro de Llano, que recentemente foi destacada entre as mellores exposicións do ano 2008 en España. O ultimo trimestre do ano pechouse con ‘7+1 Project Rooms’, na que oito artistas, da man do comisario Gerardo Mosquera, presentaron obras creadas especificamente para os espazos da planta baixa do MARCO; unha mostra que permanecerá en salas ata mediados do mes de abril de 2009.

O programa educativo —visitas e talleres para escolares, actividades para familias, obradoiros infantís de verán, cursos de adultos, visitas guiadas, talleres de artista— e o conxunto de actividades paralelas e complementarias como xornadas, conferencias, concertos e ciclos de cine, —entre os que destacan o ciclo de vídeo sobre Land-Art, o ciclo ‘Historias de aquí’ e o Festival ArtFutura, así como a serie de concertos ‘Música para plantas’— ademais dos servizos da Biblioteca-Mediateca e as actividades da Agrupación de Amigos, foron outros compoñentes esenciais na oferta do MARCO aos seus visitantes neste ano 2008.

No que respecta ao balance cuantitativo, o MARCO pechou 2008 con preto de 100.000 visitantes anuais, unha cifra récord na historia do centro. Neste ano 2008 —o primeiro na que a entrada ao museo foi gratuíta durante todo o ano— rexistrouse un aumento de público respecto a períodos anteriores, cun total de 96.120 visitantes entre os meses de xaneiro e decembro, o que supuxo un incremento do 9,4% respecto ao ano anterior (87.027 en 2007). Estas cifras, sumadas aos visitantes de anos anteriores (24.040 entre novembro e decembro de 2002, 51.955 en 2003, 47.095 en 2004, 58.470 en 2005, e 72.470 en 2006) amosan un total de 437.177 visitantes dende a data de apertura ao público o 13 de novembro de 2002 ata o 31 de decembro de 2008.

Unha vez máis, as visitas ás exposicións temporais —eixo da programación do museo— e as celebracións especiais como a Festa Aniversario no mes de novembro ou o Día Internacional do Museo en maio, foron os eventos que congregaron unha maior cantidade de público. En canto ao reparto por meses, houbo un paulatino incremento de visitantes nos primeiros meses do ano, que se estabilizou durante o verán, para volver a aumentar durante o último cuatrimestre.

Por outra banda, no que respecta aos destinatarios doutras actividades e servizos, paga a pena salientar o notable incremento dos socios e usuarios da Biblioteca-Centro de Documentación —estudantes, artistas, investigadores e persoas interesadas na arte e cultura contemporánea— así como a consolidación de participantes habituais nos obradoiros para familias de fin de semana, e o interese nas actividades por parte dun público máis novo, relacionadas con outros eventos como os ciclos de concertos e o Festival ArtFutura, que nesta edición rexistrou récords de asistencia.


12315041796aniversario.jpg
1231504196lacalleesmia.jpg
Descargar todas as imaxes