Escoitar

Santi Domínguez propón a PSOE e PP a elaboración conxunta dun decálogo coas reivindicacións da cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que proporá ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e á responsable do grupo municipal do Partido Popular, Corina Porro, a elaboración conxunta dun decálogo coas principais reivindicacións para a cidade. Santi Domínguez así o expresou nun almorzo mantido con xornalistas no que fixo un balance do pasado exercicio e mencionou algún dos obxectivos que a Tenencia de Alcaldía e as concellerías do BNG queren acadar ao longo deste 2009.

venres, 9 xan 2009
1231511287santi.jpg
"Non creo que sexa tan difícil que os tres representantes das forzas políticas viguesas nos sentemos a concretar os puntos do decálogo de reinvindicacións fundamentais para a cidade", sinalou o tenente de alcalde, quen salientou que sería un "feito histórico demostrar a coherencia e responsabilidade dos máximos representantes políticos de Vigo". Ao respecto, Santi Domínguez indicou que tanto Abel Caballero como Corina Porro recibirán por escrito esta proposta. "Non me parece tan difícíl que nos puxéramos dacordo nestes puntos", indicou.

O tenente de alcalde quixo subliñar na súa intervención a aportación do BNG ao goberno municipal. "Sempre respectamos o conxunto deste goberno e seguiremos actuando con lealtade absoluta e colaboración total coas persoas que forman parte del", subliñou. Neste sentido matizou que o Bloque Nacionalista Galego "seguirá mantendo o seu propio criterio aínda que discrepe co socio de goberno". Lembrou que neste ano, tras as eleccións autonómicas, chegarase a metade da lexislatura, polo que ao seu xuízo será preciso que todo o goberno se sente "para reflexionar sobre como se está a desenvolver o pacto de goberno porque sempre hai resortes que se poden mellorar".

Santi Domínguez asegurou que o goberno municipal ten dado "mostras de solvencia fronte aos que ao inicio da lexislatura facían quinielas sobre canto íamos durar". "Temos un goberno solvente, unido e seguro a pesar das pequenas controversias", salientou o tenente de alcalde, quen afirmou que o BNG "pon enriba da mesa antes o traballo que as controversias". Segundo afirmou estas non son maís que "anécdotas entre dúas forzas políticas diferentes". E pese a esas diferencias, Domínguez quixo reivindicar o papel do BNG no goberno municipal "porque ten dado todas as facilidades do mundo para levar a bo termo os obxectivos do goberno da cidade".

En canto ás relacións cos socios do goberno, o tenente de alcalde as cualificou como "boas", recoñecendo que "é certo que nalgúns temas nos gustaría que se actuara noutra dirección". O nacionalista destacou que o BNG ten asumido que nas pasadas eleccións municipais a cidadanía decidiu que o propio Bloque "só tivera cinco concelleiros e o PSOE fora a forza maioritaria do goberno".

Balance de 2008 e perspectivas para 2009
Respecto ao balance do exercicio pasado, Santi Domínguez sinalou que o 2008 "deixa crise na nosa cidade, pero tamén sectores moi puxantes, que seguen mantendo o seu carácter competitivo como o naval". Neste sentido salientou que o 2008 tamén deixa unha "estela de optimismo" en canto que hai un goberno municipal "que traballa con ilusión para poñer en marcha as iniciativas que a cidade precisa". Así, ao seu xuízo, o inicio do 2009 tamén vén marcado pola crise, "polo que calquera acción ten que estar enfocada a sortear esta situación do mellor modo posible".

Santi Domínguez subliñou que dende o BNG todas as actuacións que se desenvolvan "teñen que xirar na procura de emprego e estar ao lado dos sectores máis importantes da cidade, poñendo ao seu alcance os instrumentos necesarios para que poidan aguantar a crise". Ao respecto, destacou que a cidade contará co maior investimento da historia, xa que contando coas diferentes partidas, o 2009 "arrancará cun investimento de preto de 90 millóns de euros".

Respecto ao plan de investimentos, o tenente de alcalde lembrou a importancia que terán as actuacións no Casco Vello, que recibirá máis de 21 millóns de euros para potenciar a recuperación integral do barrio. Arredor de 11 millóns se destinarán ao barrio histórico de Vigo procedentes da achega do Estado. A esta cantidade sumaranse os 7 millóns de euros do orzamento para 2009 do Consorcio do Casco Vello e os 3 que figuran nos orzamentos municipais, Do fondo estatal asignaranse 4,2 millóns de euros para o proxecto de execución da remodelación do eixo das rúas Elduayen e Paseo de Alfonsoe os 5,6 millóns restantes que se investirán no Casco Vello estarán destinados á mellora do entramado viario de diversas rúas e para obras de infraestruturas de telecomunicacións.

Ademáis das actuacións no Casco Vello, cos fondos estatais, as áreas de xestión do BNG levarán a cabo a primeira fase do novo complexo deportivo de Navia, coa construción dun campo de fútbol de herba sintética e dun pavillón polideportivo, cun orzamento de 6 millóns de euros. Na área de Benestar Social actuarase na eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios e dependencias municipais con proxectos que superan os 2 millóns de euros. En canto á Concellería de Patrimonio Histórico algo máis dun millón de euros dos fondos estatais asignaranse á revalorización e musealización dos restos arqueolóxicos do Castro. Destinarase asemade unha partida de 457.000 euros para a posta en marcha da primeira biblioteca de barrio nuns locais da rúa Martínez Garrido.

No tocante á biblioteca estatal, o tenente de alcalde sinalou que neste tipo de investimentos dependentes directamente do Estado "é o alcalde o interlocutor segundo recolle o pacto de goberno". Destacou que o "verdadeiramente importante" é que Vigo "precisa dunha biblioteca estatalo máis rápido posible e o BNG non porá ningún obstáculo, porque o que lle compete á Concellería de Cultura é a súa xestión, non a construción".

Respecto ao Plan Sectorial de Vivenda, Santi Domínguez salientou que é preciso diferenciar os temas de política xeral e os de política municipal. Así, indicou que no pacto de goberno "non se falaba de que o plan sectorial de vivenda tiña que ser apoiado polo conxunto do goberno municipal polo que é susceptible de ser opinado por ambas forzas políticas". Neste sentido, o nacionalista salientou que este Plan Sectorial é garantía de construción de vivenda protexida e complemento o PXOM aprobado hai algo máis dun ano no pleno da corporación.


Descargar todas as imaxes