Escoitar

O Museo de Castrelos acolle ata o 22 de febreiro a mostra "Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, animou a toda a cidadanía a visitar a exposición "Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal", que se inaugurou este martes no Museo Municipal Quiñones de León. "Trátase da mostra máis importante que sobre Lugrís se ten feito na cidade", salientou o tenente de alcalde no acto de presentación, no que tamén participaron a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, o director do museo, José Ballesta, e os comisarios da mostra, José M. López Vázquez e Juan Monterroso, do departamento de de Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

martes, 23 dec 2008
1230041498expolugris.jpg
"Estamos diante dunha exposición de gran calado didáctico, que nos permitirá adentrarnos na obra de Urbano Lugrís", sinalou Santi Domínguez, quen felicitou á concelleira de Patrimonio Histórico, ao director do museo, e aos comisarios da mostra, polo seu traballo "para que a cidade poida contemplar a obra dun dos artistas máis importantes da Galiza contemporánea". "Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal" poderase visitar nas instalacións do museo de Castrelos ata o 22 de febreiro, e a súa inauguración coincide coa celebración do centenario do nacemento do pintor en 1908, e co seu pasamento, acontecido o 23 de decembro de 1973, "sen demasiada compaña e apenas recoñecemento público", segundo sinalou Elena Maure.

A concelleira de Patrimonio Histórico destacou que o Concello de Vigo "quere renderlle homenaxe a un dos máis xeniais creadores galegos de todos os tempos, cunha mostra que reúne fondos de diferentes coleccións". O punto central da exposición é o cadro "Habitación dun vello mariño", considerada obra mestra do pintor e xoia da colección do museo municipal. Ao redor del xiran todos os demais cadros e obxectos presentados que, dalgún xeito, tratarán de desvelar o profundo misterio que xira ao redor desta habitación baleira, a este retrato sen retratado. Os horarios para visitar a mostra son de martes a venres, de 10 a 13.30 horas, os mércores tamén de 13.30 a 17 horas, os sábados, de 17 a 20 horas, e os domingos, de 10 a 13.30 horas.

Tamén se desenvolverán actividades complementarias arredor da mostra, como a ruta guiada pola cidade, "Tra-los pasos de Urbano Lugrís", a cargo de monitora especializada, visitas guiadas á exposición, dende o día 13 de xaneiro todos os martes, mércores e xoves ata final da exposición, e o ciclo de conferencias "En torno a Urbano Lugrís", que se celebrarán no mes de febreiro.
Descargar todas as imaxes