Escoitar

O Consello da Xerencia aproba o proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo

xoves, 5 abr 2001
O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, que ocupará unha superficie próxima a un millón de metros cadrados nas parroquias de Beade e Valadares.

As obras incluídas no proxecto abranguen a rede viaria interna e o compromiso de execución das conexións necesarias co entramado viario externo. Tamén se recolle a configuración das redes eléctricas de baixa e media tensión, un sistema de alumeado público con regulación do fluxo para seguir as pautas de aforro enerxético que o Concello aplica nestes servicios maila rede de gas. O proxecto prevé investir máis de 110 millóns de pesetas no tratamento dos espacios libres, privados e públicos, e o arborado.

O presuposto de execución material das obras estímase en 2.596.625.052 pesetas. O proxecto someterase a exposición pública polo prazo dun mes. Antes da súa aprobación definitiva, o Consorcio da Zona Franca deberá incluír unha consignación orzamentaria detallada sobre o custe das obras de execución dos aparcadoiros públicos previstos no proxecto de urbanización.