Escoitar

Os Irmáns dos Misioneiros Pobres terán un novo edificio gracias ás xestións do Concello

venres, 5 out 2001
imx638.jpg
Colocación da primeira pedra
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, puxo a primeira pedra do que será o albergue de transeúntes dos Irmáns Misioneiros Pobres en Teis. A mediación do Concello permitirá a construcción deste edificio de forma gratuíta para a congregación.

A Concellería de Urbanismo xestionou o traslado aos terreos dos Irmáns Misioneiros do chalet “A Seara”, situado ata agora no número 22 da rúa Tomás Alonso. A empresa “Lanzamar”, propietaria do inmoble, comprometeuse a reconstruír totalmente o edificio nos terreos da congregación e a cederllo para que puidesen ampliar as súas instalacións. Deste xeito, conseguiuse un dobre obxectivo: proporcionarlle aos relixiosos un novo inmoble sen que tivesen que realizar ningún desembolso económico, e garantir a conservación dun edificio catalogado como ben a conservar.

No acto de colocación da primeira pedra, Lois Castrillo fixo especial fincapé en que a xestión urbanística pode ser un valioso instrumento para “facer cidade” e, neste caso, para contribuír a un ben social como é colaborar na atención que os Irmáns Misioneiros prestan ás persoas desfavorecidas.

A estructura de “A Seara” componse dun baixo e dous andares cunha superficie total de 582 m2. A congregación pensa habilitar no inmoble un comedor e talleres ocupacionais.
Descargar todas as imaxes