O Concello abre as rutas histórico-culturais para as persoas maiores
Este martes comezan as inscricións na actividade a través do teléfono de información municipal 010. Son catro percorridos por diferentes zonas da cidade, totalmente gratuítos e especialmente deseñados para persoas de 65 ou máis anos.
O alcalde avanzou o comezo da nova programación de rutas histórico-culturais para este outono de 2026, dentro do programa de Envellecemento Activo de “Vigo, cidade amiga das persoas maiores”, que ten un orzamento global de 313.457 euros anuais para diferentes accións.
O obxectivo do programa é enriquecer a oferta de ocio e tempo libre, promovendo a socialización, a posta en valor do patrimonio local e o fomento dunha vida activa e saudable entre as persoas maiores. “Queremos contribuír a previr a dependencia e a diminuír a soidade non desexada”, explicou Caballero.
Haberá catro rutas, que contan con guías oficiais especializados, que amosarán a cidade desde miradas orixinais e enriquecedoras. Os paseos serán gratuítos, especialmente deseñados para persoas de 65 ou máis anos, e son tamén un xeito de manterse en forma.
Desde este martes, 15 de setembro, poden facerse as inscricións no teléfono de información municipal 010. As rutas desenvolveranse entre o 29 de setembro e o 13 de novembro en dúas quendas: polas mañás (de 11 a 13 horas) e polas tardes (de 17 a 19 horas).
Estas son as catro rutas:
1. Conexión Vigo: espionaxe na ría.
2. Vigo na memoria: o comercio que nos marcou.
3. Vigo literario e de cine: novelas, series e películas ambientadas e rodadas na cidade.
4. Moitos Vigos nun: un paseo polos barrios históricos de Bouzas, Teis, Coia e O Calvario- Lavadores, con saídas desde cada barrio.
O rexedor convidou a toda a cidade a apuntarse a estes paseos “que son moi entretidos e nos que se conta unha parte da historia da cidade”.