A campaña de promoción turística de Vigo en Fitur rexistrou 1.560.000 visualizacións nas redes sociais
A campaña turística “Vigo, cidade única no mundo” e o vídeo de promoción dos atractivos da cidade, presentados o pasado 23 de xaneiro en Fitur, contabilizou 1.560.000 visualizacións nas principais redes sociais, segundo detallou este martes o alcalde ao destacar que a ocupación hostaleira de xaneiro alcanzou o 50,68 por cento.
Abel Caballero destacou hoxe o interese constatado por Vigo a través das visualizacións rexistradas nas principais redes sociais da promoción turística despregada en Fitur, tanto coa campaña “Vigo cidade única" como co vídeo explicativo dos enclaves para gozar da cidade.
O alcalde explicou que das 1.560.000 de reproducións nas redes, en Facebook rexistráronse un total de 785.000; outras 413.000 correspóndense con Tik Tok; 389.000 con Instagram; 26.000 con Youtube e 6.000 con X. Estes datos triplican aos rexistrados na edición de Fitur de 2024, con 508.000.
Ante estas cifras, o alcalde remarcou o aumento nun "300 por cento o número de visualizacións sobre os do ano pasado, e iso pon de manifesto o atractivo de Vigo, e sinala que a cidade non ten límite ao crecemento turístico porque somos unha gran potencia turística”. Engade que o incremento do interese verificado nas redes sociais confirma “a plenitude da oferta turística e o que é nestes momentos a cidade de Vigo”.
Ocupación hostaleira
O pasado mes de xaneiro a cidade volveu bater récord en ocupación hostaleira, cun 50,68 por cento, e constato un aumento do 6,8 por cento con respecto ao mesmo mes do ano pasado, segundo indicou o alcalde. “É o mellor dato do últimos seis anos”, recalcou o rexedor ao explicar que a cidade se atopa “nunha situación de ocupación hostaleira excepcional porque no mes de xaneiro, que é temporada baixa, superamos o 50 por cento, cunha estadía media de 1,6 días”.
Caballero detallou que o 63 por cento dos visitantes internacionais proceden de Portugal; o 3,6 por cento de Estados Unidos; o 3,5 de Francia; o 3,3 de Italia e o 3 por cento de Alemaña. “Temos un inmenso volume de ocupación hostaleira en tempada baixa, que é o mes de xaneiro”, afirmou.