O Concello avanza na construción dun novo acceso ao colexio Párroco don Camilo
O goberno local solucionará os problemas de seguridade nos accesos ao Párroco don Camilo coa construción dun novo viario conectado coa estrada de Baiona (PO-552) que conta un orzamento aproximado de 1,3 millóns. Con ese obxectivo, a Xerencia de Urbanismo aprobará provisionalmente un Plan Especial de Infraestruturas.
O Concello avanza na construción dun novo acceso ao colexio Párroco don Camilo que está valorado en 1,3 millóns. O alcalde anunciou que a Xerencia de Urbanismo aprobará provisionalmente a semana que vén un Plan Especial de Infraestruturas que permitirá crear unha nova conexión coa estrada PO-552.
A partir de aí, a Xunta ten que emitir informe previo á aprobación definitiva e, a continuación, procederase á expropiación e á redacción do proxecto e obra.
Tal e como explicou Caballero, o Concello leva moitos anos tratando de solucionar un problema de seguridade xurídica nos accesos a este centro educativo pero a Xunta impediuno “actuando cunha inconcibible irresponsabilidade”. Referiuse ao intento municipal de salvar esta situación a través da Lei Vigo 3/ 2016 unha iniciativa bloqueada polo goberno autonómico.
Finalmente, proseguiu, deseñamos un acceso rodado e peonil en zig zag, en cumprimento a Lei de Accesibilidade e atendendo ao desnivel existente entre o colexio e o viario principal. Esta nova infraestrutura xorde tamén como un elemento de oportunidade de cara ao futuro, engadiu. O itinerario peonil proxectado poderase integrar nunha futura zona verde prevista na ficha do ámbito do PXOM que sirva de conector entre a zona verde, o equipamento escolar e as instalacións deportivas e de ocio.