Escoitar

O goberno municipal desmente que o PXOM retire proteccións en Castrelos e o Castro

A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, desmente as declaracións realizadas onte pola delegada da Xunta en Vigo asegurando que, fronte ás afirmacións realizadas por Ana Ortiz, no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal “non existe ningún recorte á protección e, en particular, nin de Castrelos nin do Castro. Ningún”.

mércores, 28 feb 2024

Caride incide en que todas as proteccións aprobadas pola Xunta están incorporadas no documento urbanístico, e que “se agregaron moitos máis elementos ás catalogacións e, por tanto, ás proteccións patrimoniais”.

A concelleira de Urbanismo detalla que o Concello inclúe no novo ordenamento “dezasete elementos arqueolóxicos máis; doce instalacións do noso pasado industrial, e cincuenta e tres edificios que teñen valor arquitectónico”. Ante estes datos apunta que a situación do PXOM non ten “nada que ver coa desprotección” que sinala a delegada da Xunta.

Caride insiste en que “todos os elementos que teñen criterios obxectivos para poder ser incorporados a un catálogo foron engadidos” e que, dentro da autonomía local, catalogáronse “bastantes que teñen elementos subxectivos”, mentres se viu que outros non reúnen os requisitos. Recomenda á Xunta que, “se determina que hai un valor patrimonial nalgún destes elementos, que abra un expediente que o catalogue e, inmediatamente, o Concello de Vigo incorporarao ao seu plan xeral, pero o Concello non pode facer o traballo que lle corresponde á administración galega”.

A conselleira de Urbanismo censura que dos 28 informes que tivo o PXOM de Vigo, a Xunta só destaca un “dicindo que puidese ter algún problema, que vemos que na realidade non é certo”.

Caride lamenta que a delegada da Xunta non aproveitase a súa intervención pública sobre o PXOM para anunciar a convocatoria da reunión coa directora xeral de Ordenación do Territorio solicitada polo alcalde Abel Caballero para aclarar o contido do informe remitido ao Concello este luns, e para “cambiar a estratexia de abandono á cidade de Vigo e apostar por colaborar coa cidade de Vigo, como debería e é a súa obrigación”.

Para a cuarta tenente de Alcaldía, a actitude da Xunta evidencia “a posición anti Vigo de Rueda e de todos os que forman parte da súa estratexia de abandono e discriminación á cidade”. Lembra que, con respecto á novo PXOM, Vigo é “o único Concello de Galicia onde a administración galega non vai investir nin un só euro en infraestruturas viarias. Un caso excepcional”

Descargar todas as imaxes