Escoitar

O goberno de Vigo activa unha consulta sobre a declaración de Balaídos e algunhas praias como espazos libres de fumes

Abel Caballero indicou que a consulta quere coñecer a opinión da cidadanía sobre a posibilidade de que non se poida fumar en Balaídos e nalgunhas praias da cidade. A enquisa habilitouse esta mesma mañá e permanecerá activa alomenos tres semanas co obxectivo de "pulsar" o parecer da cidadanía ademais de contribuír a un debate sobre o factor contaminante do tabaco.

martes, 11 xuñ 2019
Os cidadáns de Vigo poderán expresar na páxina web do Concello a súa opinión sobre a posibilidade de que o estadio de Balaídos e algunhas praias de Vigo sexan espazos libres de fume. Así o avanzou esta mañá o rexedor en funcións quen aclarou que se trata de "pulsar" a opinión da cidadanía coas seguintes preguntas: Cres que debemos declarar Balaídos libre de fumes (non fumar dentro do Estadio)? Ou Cres que debemos declarar algunhas praias libre de fumes (non fumar nos arenais)?.

A enquisa habilitouse esta mesma mañá e permanecerá activa a lo menos tres semanas nas que "esperamos a resposta dos cidadáns para coñecer a súa opinión". O alcalde lembrou que o goberno local xa utilizou este sistema de consulta cidadá noutros momentos como cando se solicitaron suxerencias de nomes para o novo Auditorio. Aclarou que non dará tempo a aplicar esta decisión este verán dado que non hai tempo para tramitar a correspondente ordenanza.

En declaracións aos medios, Caballero argumentou que a prohibición de fumar en locais foi un éxito "extraordinario que hoxe ten o acordo xeral da sociedade e coa consulta quero contribuír ao debate, á sensibilización". "Temos que sensibilizar, nas praias por varias razóns, pola situación dos fumadores pasivos, polas cabichas e o factor contaminante dos filtros dos cigarros, e o factor de limpeza". Engadiu que podería haber espazos con cinceiros habilitados nas praias, lonxe das zonas de ocio dos nenos e nenas, como pode ser en Samil.

Eu xa sei o que quero facer pero quero escoitar á cidade, quero pulsar a opinión da cidade. "Estou pensando na praia de Samil", urbana, con moita xente e aglomeracións importantes en ocasións. Habería algunha outra, podería ser Rodas", anunciou.