Escoitar

Concello e veciños de Teis coinciden na necesidade de construír un acceso desde a AP9 á Avenida de Bos Aires

O alcalde recibiu esta mañá o apoio de varios colectivos do barrio de Teis á reclamación municipal de construír un acceso desde a AP9 á Avenida de Bos Aires. Así o explicou esta mañá logo de manter un encontro con veciños para intercambiar opinións sobre a situación desta zona da cidade.

venres, 17 feb 2017
1487339843teis.JPG
O alcalde de Vigo mantivo esta mañá un encontro cun nutrido número de colectivos de Teis cos que "intercambiamos opinións de xeito moi fluído e con gran ton de cooperación". Unha das cuestións que se abordaron foi a proposta municipal de construír un acceso desde a Avenida de Bos Aires á parte da autoestrada que chega ao centro da cidade e a saída cara á mesma avenida. O acordo foi total, explicou o rexedor, quen avanzou que os propios colectivos lle farán esta proposta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Na súa comparecencia pública, Caballero reclamou de novo ao goberno autonómico unha inversión de 12 millóns de euros -o equivalente á gasto da construción do túnel de O Parrote, en A Coruña-. A este respecto, reiterou a súa intención de proceder á prohibición da circulación de camións por Sanjurjo Badía se a Xunta de Galicia non da mostras de acometer este proxecto.

Outra das cuestións que se trataron ao longo do encontro foi retomar o espigón da praia da Punta, que no se chegou a realizar hai uns anos pola negativa de Costas, unha petición á que os veciños sumaron unha senda que pretende realizar a Xunta e que non realiza, ao parecer, alegando que o Concello non tramita os correspondentes permisos. A este respecto, o alcalde a pesar de negar a existencia de tal petición de autorización -nin formal, nin informalmente-, amosou a súa vontade de colaboración tan pronto a Xunta tramite esa petición.

Respecto das conexións en transporte público desde o barrio ao novo hospital, o alcalde rexedor reiteroulles a decisión firme de implementar unha nova liña, a H3, desde Teis ata Beade, co obxectivo de mellorar o transporte ao Álvaro Cunqueiro.
Descargar todas as imaxes