Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
xoves, 07 de maio de 2015

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O alcalde invita á cidadanía a visitar a primeira exposición do novo Centro de Arte Fotográfica de Vigo

O Concello de Vigo abre este xoves o novo Centro de Arte Fotográfica de Vigo, ubicado na praza de Eduardo Chao, no Casco Vello, e o alcalde invitou á cidadanía a coñecer o novo recinto cultural coa mostra inaugural "Vigo, unha cidade retratada", "a aproximación á cidade de Vigo a través das fotografías do Arquivo Pacheco", subliñou Caballero, aberta ata o próximo 17 de agosto.




"Queremos que toda a cidade visite a exposición", asegurou Abel Caballero en relación a "Vigo, a cidade retratada", a mostra inaugural do novo Centro de Arte Fotografica de Vigo que o Concello ven de abrir este mesmo xoves. O alcalde de Vigo ensalzou a "viaxe" que ofrece a fotografía do Arquivo Pacheco a través da historia da cidade, ubicada nun "novo local recuperado para a cidade".

O Concello de Vigo abre este xoves a exposición "Vigo, a cidade retratada" na planta baixa do Centro de Arte Fotográfica de Vigo,sito na rúa Eduardo Chao 17-19. A mostra propón un percorrido pola historia da cidade a través das imaxes que nos deixaron dende o estudio dos Pacheco, das súas xentes, dos seus oficios, do seu crecemento e desenvolvemento. Quérese explicar o Vigo que é a través do Vigo que foi.

As preto de cincoenta imaxes que conforman a exposición foron seleccionadas do Arquivo Fotográfico Pacheco como fonte de excepción para documentar os acontecementos que axudaron a configurar a cidade na que vivimos hoxe. Centrouse o período de estudo no segundo terzo do século XX para reforzar e incrementar o coñecemento que sobre esta época emana do arquivo Pacheco. Os acontecementos dese período serven tanto para imaxinar o Vigo anterior á súa creación á vez que nos axudan a comprender a cidade tal e como a coñecemos.

Nesta crónica gráfica que se propón veremos unha cidade dinámica, en crecemento e cosmopolita, que se configura pouco a pouco como motor económico a través da consolidación e modernización dunhas industrias potentes e punteiras, así como do asentamento dun puxante sector dos servizos, pero que non esquece o tempo de lecer. Farase un percorrido polos escenarios, polas vidas, polos instantes captados. Centrámonos na historia dos valores a través das historias que xera o acontecer cotián.

O percorrido comeza alá polos anos 30 cunha urbe que xa fora testemuña e parte dos emblemas da modernidade. Multiplicárase a poboación da cidade co conseguinte crecemento urbano. Era unha cidade dotada xa de cines e teatros, con xornais, na que a cidadanía se relacionaba nas salas das sociedades recreativas e nas actividades populares e deportivas.

A partir dos anos 30 esta cidade comeza a gañar terreo ao mar o que cambia por completo a súa configuración. Expándese ao ritmo das súas modernas industrias. Será preciso substituír os vellos peiraos de madeira por outros sólidos e firmes á altura das novas necesidades. Vigo consolídase como porta do Atlántico á sombra da ditadura e do período de entreguerras. Aparecen novas barriadas sempre coa urbanización da Gran Vía como insignia. Chegan así primeiros voos comerciais a un aeroporto de Peinador hoxe recentemente remodelado, érguese o hospital, e comezan a construírse infraestruturas que mesmo hoxe en día seguen en plena vixencia como a ponte de Rande.

En definitiva, a mostra propón un repaso da cidade do século XXI a través do acontecer fotográfico da cidade do século XX.

A exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 17 de agosto, poderá visitarse de luns a venres de 18:00 h a 21:00 h, os sábados de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h, e os domingos e festivos de 12:00 h a 14:00 h.
Mais noticias
Caballero avoga pola dinamización comercial de Teis na presentación do I Concurso de Pinchos
Caballero convida a que a cidadanía vexa na Media Maratón de Vigo "o ambente das grandes probas atléticas"
"Paseo polo Vigo literario" con Pedro Feijoo
Xunta de Goberno Local
Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003