Escoitar

O Concello abona 35,2 millóns polo Auditorio Mar de Vigo nunha "operación magnífica" para a cidade

O alcalde informou do acordo adoptado polo goberno vigués, que liquida a concesión por 35,2 millóns en base a unha auditoría e adquire o Mar de Vigo, o hotel, os espazos da UNED e da biblioteca, 4.000 m2 de baixos comerciais, o restaurante e o aparcamento. O Concello venderá activos para minorar o importe e abonará o resto con remanentes: "non lle vai custar nin un euro en impostos á cidade"

martes, 23 out 2018
1540298861rueda.JPG
O goberno de Vigo adoptou o acordo de liquidar por 35,2 millóns a concesión de obra pública para a construción e explotación do Auditorio Pazo de Congresos e das súas zonas complementarias. Valorou Abel Caballero unha "operación magnífica" para a cidade, que gaña para o público o espazo cultural, o hotel, os espazos que ocupa a sede da UNED e a biblioteca, 4.000 m2 de baixos comerciais, o restaurante e o aparcamento.

Caballero recordou que a administración concursal tiña presentado no Concello unha solicitude de liquidación de 74,5 millóns polos investimentos realizados -contía incluso inferior á estimada polo PP de Vigo, que se achegaba aos 80 millóns, denunciou o rexedor-, cifra que unha valoración posterior dos técnicos municipais rebaixou ata os 45,2 millóns.

Por outra banda, o Concello encargou un informe independente a un auditor, que arroxa un importe de liquidación de 35,2 millóns de euros, explicou o alcalde. O custo neto da operación será menor, pois o goberno de Vigo prevé a venda dalgúns dos activos adquiridos, como por exemplo o hotel: "non vexo eu que o Concello se dedique a xestionar un hotel", argumentou Caballero.

Da mesma forma, a administración local viguesa rebaixará o importe neto coa venda dos 4.000 metros cadrados de baixos comerciais. Ademais, o goberno de Vigo deixará de pagar 600.000 euros anuais polo aluguer dos espazos nos que se empraza a sede viguesa da UNED e a biblioteca municipal.

O resto de activos adquiridos significarán ingresos para as arcas municipais. Caballero explicou que o estacionamento soterrado se pode xestionar ou vender, o restaurante sairá a concesión pública e o auditorio cultural reportará beneficios -en ningún caso a través da venda, ratificou Caballero- para o Concello.

Restando estes ingresos adicionais -aos que se suma a venda do Hotel Samil- dos 35,2 millóns da liquidación, o Concello de Vigo fará fronte ao resto do pago con cargo aos remanentes, ao aforro municipal, de tal forma que "non lle vai custar nin un euro en impostos á cidade", en verbas do alcalde de Vigo.

A liquidación do Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo é un "tema cerrado marabillosamente para a cidade", afirmou Abel Caballero, pois Vigo gaña "un novo espazo público".

Travesía Escolas Públicas
Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local, o Concello aprobou o proxecto de humanización da Travesía Escolas Públicas, que presenta un orzamento de 300.000 euros e un prazo estimado de catro meses de obra.

A humanización desta travesía, perpendicular a García Barbón, suporá a mellora dunha vía en "estado lamentable", revelou Caballero, e se engade ás remodelacións que o Concello impulsa no entorno, nas rúas Roupeiro, Heraclio Botana e Serafín Avendaño, por 487.000 euros máis.
Descargar todas as imaxes