Escoitar

O Concello respalda a TEAVI no seu proxecto de integración das persoas con autismo

O alcalde, Abel Caballero, e a edil de Benestar, Isaura Abelairas, apoiaron este martes aos representantes da Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo, entidade creada hai dous anos para avanzar na integración social, educativa e laboral do colectivo.

martes, 11 abr 2017
1491914153teavi.JPG
Na súa intervención, Abel Caballero ofreceu a colaboración do Concello de Vigo no proxecto de TEAVI, asociación viguesa creada hai dous anos para dar unha maior resposta e apoio ás necesidades das persoas con autismo e das súas familias, procurando a mellora da súa integración social, educativa e laboral.

Xunto a Abel Caballero e a Isaura Abelairas tomaron parte na rolda de prensa deste martes na Alcaldía a presidenta de TEAVI, Encarna Fernández, a súa secretaria, Laura Llanes, a fundadora e colaboradora María Pacín, a voceira da comisión de Educación da asociación, Cristina Chao, e o prospector laboral de TEAVI, Adrián Bravo.

Segundo explicou a súa presidenta e posteriormente os responsables de Educación e Inserción Laboral, a Asociación organízase mediante comisións específicas formadas por pais e nais de persoas autistas.

A comisión de Orientación a Familias encárgase de recibir aos demandantes de información e se lles orienta dos pasos a seguir despois da diagnose. A de Educación, tal e como informou a súa voceira, elaborou unha guía práctica de "Estratexias para alumnos con TEA" dirixida principalmente a docentes de Infantil e Primaria e distribuida polos colexios de Vigo. A terceira Comisión é de Ocio e Tempo Libre, e traballa a afectividade e a sexualidade con charlas específicas e apoio visual.

TEAVI fixo especial fincapé na súa cuarta comisión, o seu proxecto de inserción laboral, explicado polo coordinador de emprego da asociación. A entidade promove un programa integral de procura de oportunidades laborais para persoas con TEA, pois a taxa de desemprego no colectivo en Europa se sitúa entre o 76 e o 90%, co obxectivo de dar a coñecer ao sector empresarial o potencial laboral deste colectivo.

Indicou Bravo que a Asociación se ocupa da orientación e a formación unha vez rematada a etapa educativa, a procura de oportunidades profesionais no sector público e privado, visita de empresas e apoio ao traballador para que poida desempeñar as súas funcións con autonomía. TEAVI animou ao tecido empresarial a dar unha oportunidade ao colectivo e a coñecer as súas posibilidades profesionais.
Descargar todas as imaxes