Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
martes, 30 de agosto de 2011

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


Caballero anuncia máis de 4.000 prazas no programa municipal de escolas deportivas e "maior apoio" aos clubs de base

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes e presidente do IMD, Manel Fernández, presentaron hoxe o programa municipal de escolas deportivas no pavillón das Travesas ante unha ampla representación dos clubs, técnicos e ata deportistas do programa de formación. Na pista central do IMD das Travesas, o rexedor anunciou a apertura en setembro dos prazos para a inscrición nun programa que tamén incorpora este ano o baile deportivo entre a súa gran oferta.




Caballero sinalou sobre o programa que "as escolas deportivas son para nós máis que deporte: son saúde, formación e capacidade física, pero sobre todo son escolas de civismo, porque as persoas que practican deporte enfocan a súa vida de forma diferente dende o espírito de equipo e a superación. E son unha boa garantía para a marcha da xente nova nunha cidade como Vigo".

O programa municipal de escolas deportivas contará o curso 2011/2012, do 3 de outubro ao 31 de maio, cunha oferta de máis de 4.068 prazas en 26 modalidades para nenos e nenas empadroados en Vigo e nacidos entre 1995 e 2005 (de 6 a 18 anos), tres programas para adultos maiores de 18 anos cun total de 81 prazas (defensa persoal, tenis de mesa e tiro con arco) e 50 prazas para baloncesto e natación destinadas a persoas con discapacidade física e psíquica. O novo curso comezará o 1 de outubro e prolongaranse durante oito meses ata o 28 de maio do 2012.

O investimento da Concellería de Deportes e do Instituto Municipal dos Deportes nesta actividade é de 224.000 euros e as disciplinas co meirande número de prazas son o fútbol, con 1.600, grazas á plena entrada en servizo do campo de fútbol de Navia "Manuel Pahiño", a patinaxe artística (710) e a ximnasia (artística, acrobática e rítmica) con 640. No curso anterior, o programa "Achégate ao Deporte" contou con 3.741 alumn@s (2.068 nenos e 1.673 nenas), a cifra máis alta na historia das escolas municipais neste século. O programa pretende fomentar a práctica deportiva entre nenos e nenas, unificar criterios no desenvolvemento da actividade e recoñecer o traballo das entidades deportivas.

En total, 41 clubs e entidades deportivas, xunto con cinco federacións galegas (tríatlon, tenis, tenis de mesa, squash e bádminton) imparten as súas ensinanzas cun completo cadro técnico de adestradores e monitores que traballan para os rapaces e rapazas nos catro complexos polideportivos existentes (As Travesas, Samil, Balaídos e Navia) ademais de en oito pavillóns (O Berbés, Bouzas, Bembrive, Lavadores, Monte da Mina, Carballal, Coia e Teis), en dous campos de fútbol (A Xunqueira e Cotogrande) e nunha piscina (Valadares).

O IMD abrirá en setembro cinco prazos de matrícula de forma graduada: para os antigos alumnos e alumnas de patinaxe (1 e 2 de setembro), para os antigos alumnos e alumnas de ximnasia artística, rítmica e tenis (do 7 ao 9), para os antigos alumnos e alumnas de todas as modalidades (do 13 ao 16 de setembro), para os novos alumnos e alumnas de todas as modalidades nas modalidades que haxa prazas libres (do 27 ao 29) e a partires do 26 de setembro para os adultos nas súas tres modalidades (defensa persoal, tenis de mesa e tiro con arco). Haberá tamén un período de matrícula específico para patinaxe (20 e 21) e tenis e ximnasia (22 e 23) se houbese prazas libres.

Ademais, o IMD, que disporá de horarios específicos tamén para outros colectivos como asociacións veciñais, anpas ou colexios, terá matrícula aberta de forma permanente para o alumnado entre o 10 e o 22 de cada mes de outubro a abril nas modalidades que haxa prazas libres. O prezo da inscrición será de 39,85 euros para nen@s, 102,40 euros para a inscrición en natación sincronizada e 119,35 € para as persoas adultas.

Apoio "total" aos clubs de base

O alcalde tamén anunciou no acto aos clubs e entidades deportivas que en setembro comezará a recibilos para canalizar un maior empeño no deporte de base. "Hai una aposta nosa total e absoluta a todos os ámbitos do deporte local; o de elite está sendo apoiado e queremos unha maior dedicación ao deporte de base , por iso reunirémonos cos clubs para, sabendo obxectivos e recursos, poder preparar unha actuación planificada a catro anos vista para conseguir por medio dunha acción coordinada, acordada e conveniada unha época aínda máis brillante que a anterior", dixo.

No acto estiveron presentes tamén xogadores e xogadoras das escolas deportivas municipais que representaron a Vigo este verán nos Xogos do Eixo Atlántico, en Matosinhos, e que acadaron medallas en baloncesto feminino, balonmán masculino e atletismo.

Mais noticias
O alcalde compromete a continuidade do apoio económico do Concello ás actividades de Érguete
O programa "Camiño a camiño" oferta 260 prazas para o mes de setembro


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003