Escoitar
IX Xogos do Eixo Atlántico

O atletismo outorga once medallas á selección de Vigo na primeira xornada de Matosinhos 2011

A selección viguesa asinou unha magnífica primeira xornada nos IX Xogos do Eixo Atlántico, para deportistas sub 16, grazas á representación en atletismo, que competía en xornada única tanto en pista como en ruta.

martes, 5 xul 2011
Vigo sumou 11 metais (catro de ouro e sete de prata) nunha gran xornada atlética no Complexo Desportivo de Leça da Palmeira, en Matosinhos. En homes, Pablo Castro acadou o ouro en lanzamento de peso, que levou aos 15,20 metros, mentres que en mulleres a exhibición foi enorme: ouro en peso (Ana Izquierdo, 11,50 metros), prata en 100 metros lisos (Aida Amoedo, 12.80 sgs.) e prata tamén en 1.000 (Iria Rodríguez, 3.07.59). Colectivamente, a selección de Vigo foi prata en categoría feminina, mellorando substancialmente así o terceiro posto compartido co Porto dos Xogos da Coruña 2009.

En atletismo en ruta, carreira polo litoral de Matosinhos paralela á praia, a selección asinou un quinto posto de Carmela Cardama como mellor resultado e as mulleres acabaron cuartas, a un paso do podio, dominado polas atletas portuguesas.

As medallas, en cambio, choveron en atletismo para discapacitados intelectuais. Francisco Santiago Cid foi ouro en 100 lisos (12.09 segundos) e lanzamento de peso (10,12 metros), mentres que Francisco Pérez Carrera sumaba dúas pratas á frutífera colleita en 400 lisos (58.86) e lonxitude (6,09 metros), e Juan Carlos Oitavén redondeaba a xornada cun subcampionato en 1.000 metros (3.13.93). Ademais, Vigo foi prata masculina por equipos, só superada por Vila Nova de Gaia (34 fronte a 32 puntos). En total, seis metais.

Os Xogos comezaron o domingo coa cerimonia de apertura diante do Concello de Matosinhos, á que asistiu o concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández. Vigo levou unha expedición de 80 participantes que ata este venres competirá tamén en balonmán masculino, baloncesto feminino e voleibol feminino. O Instituto Municipal dos Deportes, conxuntamente cos clubs e federacións que traballan nas escolas deportivas municipais, organizou as seleccións.

Dende o Concello, tanto o alcalde da cidade, Abel Caballero, como o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, desexan felicitar aos e ás atletas polo gran desempeño nestes Xogos e animan aos equipos vigueses aínda en liza, a seguir competindo ao máximo nivel.