Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade a nova ordenanza de carga e descarga

O Pleno da Corporación deu este luns o seu visto bó, definitivo e por unanimidade, á Ordenanza de Carga e Descarga elaborada pola Concellería de Mobilidade. Tanto o goberno como a oposición cualificaron de "positivo para a cidade" este texto, modificado tras o periodo de alegacións, e aprobado inicialmente en sesión plenaria do pasado 25 de febreiro, cos votos favorables dos socios de goberno e a abstención do Partido Popular.

luns, 26 mai 2008
1211806802gobernopleno.jpg
Membros da Corporación dos grupos PSdG-PSOE e BNG
A nova ordenanza de Carga e Descarga foi aprobada este luns definitivamente polo Pleno da Corporación Municipal co consenso dos tres grupos políticos. O texto, elaborado pola Concellería de Mobilidade que dirixe Xulio Calviño, contou cos votos a favor dos 27 concelleiros municipais e foi definido tanto polo goberno local como pola oposición de "positivo para a cidade".

A ordenanza, tras ser presentada ás asociacións de transportistas o 1 de febreiro, foi aprobada inicialmente pola Xunta de Goberno Local o pasado 12 de febreiro e ratificada na sesión plenaria do 25 de febreiro, cos votos favorables dos socios de goberno e a abstención do grupo popular.

As alegacións presentadas ao documento inicial, incluídas no definitivo, propiciou a aprobación do mesmo por unanimidade e "acordado coas asociacións de transportistas", segundo informou o edil de Mobilidade, Xulio Calviño.

Entre as modificacións incorporadas á ordenanza municipal, o concelleiro salientou a presentada por VITRASA e pola Asociación Provincial de Taxistas. Segundo a mesma, a carga e descarga nocturna, que se poderá efectuar nos carrís reservados para o transporte público de 0 a 6 horas, únicamente se realizará nas rúas con máis dun carril no mesmo sentido da circulación.

Ademais, o novo texto reflexa un cambio nos horarios de prohibición de realizar a carga e descarga no ámbito municipal. Inicialmente, a normativa propuña restrinxir esta actuación entre as 07:30 e as 9:30 horas, das 13.00 ás 15.00 e das 18.00 ás 22.00, por seren consideradas horas punta para o tráfico. A ordenanza definitiva permite efectuar estes traballos ata as 08:00 horas, quedando invalidada a carga e descarga entre as 08:00 e as 09:30 da maña.

Xulio Calviño deu conta asemade da simplificación do artigo sexto, que non diferencia agora entre o ámbito central da cidade, o polígono interior, e o restante para efectuar carga e descarga. Con esta modificación, toda a cidade queda afectada polos horarios e especificacións da nova normativa.

Máis mulleres no rueiro
O Pleno da Corporación tamén aprobou este luns por unanimidade darlle a tres rúas da zona de Oia-Pedreira o nome de outras tantas mulleres: Ángeles Alvariño, Xohana Torres e Mercedes Ruibal. Esta iniciativa, presentada en conxunto polas concellerías de Cultura, Industria, Turismo e Patrimonio Histórico, procura paliar, segundo o edil Xesús López, "a práctica ausencia de nomes de mulleres" no rueiro vigués.

Ángeles Alvariño, oceanógrafa, traballou en Vigo e nos Estados Unidos, foi descubridora de 22 especies e a primeira muller científica a bordo dun barco de investigación británico. Xohana Torres, poeta e narradora, dirixiu en 1956 un programa de radio para mulleres e traballou en Radio Vigo co primeiro programa emitido íntegramente en galego. Mercedes Ruibal, pintora viguesa, ten a súa obra exposta nos museos de arte contemporánea de Vigo, de Madrid, de Nicaragua e de Chile.
1211806802gobernopleno.jpg
1211806834plenopp.jpg
Descargar todas as imaxes