Escoitar

María Méndez salienta o traballo a prol da reinserción que desenvolven as unidades de día de drogodependencias

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este xoves o traballo que están a desenvolver as unidades de día de drogodependencias de Vigo a prol da reinserción dos seus usuarios e usuarias. A concelleira fixo estas declaracións na inauguración da exposición que hoxe e mañá acolle o Centro Comercial Praza Elíptica no marco da conmemoración do décimo aniversario da posta en marcha do Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións (PDLA).

xoves, 22 mai 2008
1211452634maria4.jpg
"Esta mostra, ao igual que outras actividades previstas para os vindeiros meses, ten como principais obxectivos poñer en valor o traballo que se está a levar a cabo nas unidades de día, e dalo a coñecer á cidadanía", explicou a concelleira de Benestar Social. María Méndez sinalou que na cidade existen dúas unidades de día, unha xestionada polo propio Concello, como é o caso da Unidade de Día de CEDRO, e outra xestionada pola asociación Alborada.

A mostra, que se poderase visitar nas instalacións do céntrico centro comercial vigués mañá en horario de 10 a 19 horas e o venres de 10 a 14 horas, proporcionará información ás persoas visitantes sobre cales son os obxectivos destas unidades, a que perfil de usuario están orientadas, e en que áreas de intervención traballan. Así, a edil do BNG indicou que estas unidades son recursos de rehabilitación para pacientes drogodependentes que ofertan un programa amplo de actividades terapéuticas, educativas e ocupacionais; permiten a permanencia do paciente no seu contorno; e promoven a participación nun tratamiento intensivo, integral, diario e prolongado no tempo. O servizo vai dirixido especialmente a persoas "cunha importante desestructuración do seu tempo e das relacións sociais, que presentan déficits formativo-laborais, relacionais e de autocontrol, con dificultades para manter a abstinencia continuada do consumo de drogas e, sobre todo, que estean motivadas para o cambio no estilo de vida", sinalou.

María Méndez subliñou que un aspecto fundamental no traballo das unidades de día son os obradoiros ocupacionais, dos que a exposición amosa boa parte dos traballos elaborados polos seus usuarios e usuarias. Así, na mostra poden verse obxectos elaborados con barro, coiro ou papel, entre outros materias. Ademais, na exposición tamén existen presentacións audiovisuais deste servizo e folletos explicativos a disposición da cidadanía.
Descargar todas as imaxes