Escoitar

O Festival Vigofolcelta, unha marca de identidade das festas de Vigo

O concelleiro de Cultura, Xesús López, presentou este venres o Festival Vigofolcelta, que arrinca este luns 23 de xullo e rematará o venres 27. Contará cunha presentación e unha despedida ao grande no Auditorio de Castrelos, e actuacións na Praza da Constitución o resto de días.

luns, 23 xul 2007
Xesús López presentou Vigofolcelta na compaña de Bibiano Morón, promotor do festival, Daniel de Castro, deseñador do logotipo, e Guillermo Brea, representante de Caixanova, quen amosou a súa satisfacción pola colaboración da caixa galega neste evento.

O concelleiro recordou a pretensión de que este festival marque a liña que se quere establecer para vindeiros anos.

Vigofolcelta comezará o luns 23 de xullo no Auditorio de Castrelos coas actuacións dos seguintes grupos: TREIXADURA GAITEIROS, un grupo vocal de Vigo que acada protagonismo para transmitir o pouso que a música popular foi ditando na música galega; DAVY SPILLANE, posicionado como o máis prestixioso compositor e intérprete de gaita irlandesa, e SHOOGLENIFTY, grupo escocés moi coñecido no panorama de música celta.

Os día 24, 25 e 26 de xullo as actuacións trasladaranse á Praza da Constitución, onde actuarán, respectivamente, os grupos FALTRIQUEIRA, que encarna a corrente máis fresca do panorama xurdido das fontes da música tradicional, fusionando a polifonía coas percusións e os instrumentos acústicos; OS CEMPÉS, un grupo co que din "chegou a festa", unha festa que mantén vivo o espírito da carallada sen renunciar por iso a render preitesía á sensibilidade; e BALBARDA, un grupo no que a súa música está baseada na tradición da Península Ibérica, que é interpretado baixo un punto de vista moderno e persoal, recreando a ensenanza do máis puramente tradicional con tintes de contemporaneidade.

Finalmente o venres 27 de xullo pecharase Vigofolcelta coas actuacións de grupos como SONDESEU, a primeira orquestra folk de Galicia que recupera músicas tradicionais, actualizadas e arranxadas que contan cun timbre peculiar, e FLOOK, que estiveron o ano pasado en Ortigueira e tiveron críticas moi positivas.