Escoitar

O Festival Alternativo de Teatro e Danza experimenta coa "performance"

O ALT, na súa continua procura de novas linguaxes artísticas, adéntrase nesta edición nunha experiencia multidisciplinar de creación propia: ALT-Experimenta. Partindo de textos e ideas propios os artistas convidados deforman o concepto de "performance" traballando nunha liberdade colapsada.

martes, 27 feb 2007
"Naturaleza muerta"

ALT convidou o director e actor sevillano Carlos Ossorio a traballar sobre unha idea e texto inicial de Lola Correa, "O tempo exacto", que no proceso creativo se converteu na primeira das performances que se estrean mañá mércores a partir das 19.00 horas na Casa das Artes. "Naturaleza Muerta" parte do factor tempo e a obriga vital de consumilo e achégase á idea ancestral da creación en pleno século XXI.

"La eternidad"

Para "A eternidade" contouse con dúas alumnas dos cursos monográficos que NoescaféTeatro organiza de cando en vez en Vigo. Araceli González e Magdalena García tiñan algo que interesaba para a experiencia ALT: falta de experiencia. Esta circunstancia fíxoas traballar dun xeito distinto, xa que están libres de "tics" teatrais pero teñen un coñecemento básico do espazo escénico.

"La eternidad" naceu dun sketch de NoescaféTeatro sobre dous mitos do cine que se atopan no ceo e renegan tanto da súa vida anterior como da suposta eternidade á que foron relegadas. Através do traballo en clave de humor chegouse a un punto de traxicomedia ao que se engadiron textos de Arthur Rimbaud.

A Casa das Artes acollerá mañá mércores dous pases de cada unha destas dúas "performances", de 20 minutos de duración cada un. Os primeiros pases serán ás 19.00 horas e os últimos, ás 20.00. A entrada é libre ata completar aforo.

"Discurso do método exclusivo"

A terceira parte do ALT-Experimenta é un traballo de máis longa duración que os anteriores. "Discurso do método exclusivo" é unha experiencia orgánica e multidisciplinar de NoescaféTeatro, compañía que estreará esta teatro-performance na Casa das Artes mañá mércores ás 21.30 horas.

Nesta obra, que trata da soidade nun mundo cada vezx máis poboado, todo xorde do espazo vacío. Os elementos escenográficos vanse probando e engadindo a medida que os artistas e o texto o requiren. NoescaféTeatro contou nesta ocasión cos actores galegos Fernando Pedrido e Marta Pérez e coa música en directo de Juan Hernández.

O pase de "Discurso do método exclusivo" ten unha duración aproximada de unha hora e dez minutos. As entradas custan 5 euros.