Vigo homenaxeará a Clara Campoamor cunha dramatización da súa loita sufraxista
O Salón de Plenos do Concello será o escenario, este xoves ás 20,00 horas, dunha homenaxe a Clara Campoamor, unha das nais do movemento feminista en España, na forma dunha dramatización do debate parlamentario da II República no que foi aprobado o sufraxio feminino.
A lectura dramatizada daquel debate, que tivo lugar hai agora 75 anos, seguirá o guión elaborado por María Xosé Queizán, quen presentou hoxe martes o acto xunto coa concelleira da Muller, Lucía Molares. Na dramatización participarán, ademais da propia autora, un elenco de dez personalidades relacionadas co mundo teatral galego, no que figuran María Armesto, Mónica Bar, Afonso Becerra de Becerreá, Antonio Durán "Morris", Casilda García, Luís Hidalgo, Antón Lamapereira, Rosa Rodríguez, Sonia Rúa e Ricardo Solveira.
Clara Campoamor, nada en Madrid en 1888, é considerada unha das nais do movemento feminista e sufraxista en España, sendo, ademais, unha das primeiras deputadas das primeiras Cortes da II República. Na súa loita pola igualdade de dereitos da muller, foi unha das impulsoras da aprobación do voto feminino nas segundas eleccións republicanas, así como da primeira lei de divorcio.
Precisamente o Pleno da Corporación Municipal tomou a decisión, na súa sesión do pasado 27 de novembro, de lle dar o nome desta "muller extraordinaria", como a cualificou María Xosé Queizán, ao vial que comeza no cemiterio de Pereiró e remata na Cidade Universitaria.