Escoitar

A vindeira semana peonalizaranse zonas do Casco Vello

luns, 11 feb 2002
imx1079.jpg
O Concello peonalizará zonas do Casco Vello, a partir do 18 de febreiro, para favorecer a conservación do contorno histórico e os usos comercial e turístico de cara a fomentar a seguridade vial, a convivencia e a calidade de vida nos espacios públicos que poidan resultar máis atractivos para os cidadáns e visitantes.

As zonas peonais do Casco Vello serán as comprendidas no interior do perímetro delimitado polas rúas Cánovas del Castillo, Carral, Porta do Sol, Elduayen, Poboadores, San Francisco e Avda de Beiramar.

O Concello expediu arredor de 150 tarxetas que lles permitirán a entrada ós residentes e proximamente se instalarán cámaras de control conectadas coa Policía Local e un sistema de comunicación para controlar os bolardos retráctiles e regular o acceso de vehículos ó Casco Vello.

Queda prohibido o tráfico de tódolos vehículos a motor polas seguintes rúas e espacios públicos: Peñasco, San Xulián, Cesteiros, Caracol, Misericordia, Baixada á Fonte, Cárcere Vello, Esperanza, Entrada Pescadores, Xoanela, Ballesta, Ribeira do Berbés, Praza Pescadores, Praza da Princesa e Praza do Berbés, xa que polas súas características queda excluída a posibilidade de circular por elas con axeitadas condicións de seguridade.

Nas restantes rúas situadas no interior do perímetro delimitado do Casco Vello só poderán circular e estacionar os residentes que dispoñan da correspondente tarxeta identificativa expedida polo Concello.

Permítese a libre circulación de vehículos de extinción de incendios, recollida de lixo, policía e servicios de urxencia, así como dos transportes especiais nas condicións que dispoña a Policía Local.

Con carácter xeral, nas vías do ámbito sinalado nas que non está prohibida a circulación permítese un sentido único de circulación de vehículos coas condicións e limitacións establecidas e conforme á sinalización que se dispoña. Nas rúas sen saída poderase circular nos dous sentidos no treito comprendido dende a intersección máis próxima ata o fondo de saco.

As tarefas de carga e descarga de mercadorías pódense realizar entre as 8:00 horas e as 11:00 horas da mañá nos lugares establecidos ao efecto. O peso máximo autorizado para vehículos que circulen polo Casco Vello será de 3,5 toneladas. Fóra do horario sinalado, non poderá circular vehículo ningún, salvo autorización expresa do Concello.

Para a circulación de vehículos polo interior do perímetro sinalado do Casco Vello establécense dous itinerarios que terán regulado o acceso:

-Rúa da Gamboa, Joaquín Yáñez e Fermín Penzol
-Rúa de San Vicente, Alta, Perigos, Real, Chao, Méndez Núñez e Sombrereiros.

Poderán, así mesmo, circular polos itinerarios establecidos os vehículos autotaxis cando fagan un servicio no interior do perímetro sinalado do Casco Vello.

Estas medidas entrarán en vigor o 18 de febreiro previa expedición das tarxetas particularizadas para os veciños do Casco Vello, permanecendo vixentes as actuais limitacións á circulación de vehículos no ámbito sinalado ata a súa plena entrada en vigor.



MÁIS INFORMACIÓN


Descargar todas as imaxes