Escoitar

As cidades do Eixo Atlántico difundirán conxuntamente as súas programacións culturais

O Concello de Vigo comezará a distribuír durante este mes de setembro a Axenda Cultural do Eixo Atlántico, unha publicación que recolle a programación cultural estable das dezaoito cidades que conforman a organización transfronteiriza.

venres, 8 set 2006
1157717973caetanoveloso.jpg
As Festas do Cristo son reseñadas como un dos atractivos de Vigo, con actuacións como a de Caetano Veloso en 2003.
Nas súas 90 páxinas, a axenda ofrece información detallada dos principais eventos culturais de cada unha das cidades en ámbitos como o cine, a música, o teatro, as artes plásticas, etcétera.

O obxectivo da axenda é difundir por toda a eurorrexión a información da programación estable de calidade que as dezaoito cidades do Eixo Atlántico promoven con vocación de atraer o turismo cultural de proximidade.

A través desta publicación ponse de manifesto a enorme riqueza e variedade da oferta cultural das cidades do Eixo Atlántico, dependente dos departamentos de Cultura dos seus respectivos concellos e cámaras municipais.

Segundo palabras do presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, esta axenda vai potenciar a mobilidade dos amantes de diferentes manifestacións culturais "para os que a súa cidade se estende máis alá do termo do seu concello e se converte nunha parte, nun barrio desta cidade virtual que é o Eixo Atlántico".

A axenda inclúe tamén información complementaria sobre convocatorias de carácter festivo e tradicional e reseña as webs dos departamentos de Cultura das cidades, nos que se poden encontrar máis recursos sobre a programación regular que cada concello e cámara municipal organiza para os seus veciños.

Para realizar esta publicación, o Eixo Atlántico contou coa colaboración da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e de Caixanova.
Descargar todas as imaxes