Escoitar

O Consello Municipal da Muller adhírese á solicitude de creación dun novo Xulgado de Familia en Vigo

xoves, 24 xan 2002
As asociacións presentes no Consello Municipal da Muller celebrado o 23 de xaneiro acordaron, por unanimidade, adherirse á proposta da asociación Xustiza e Sociedade para a creación do segundo Xulgado de Familia na cidade.

O Consello Municipal da Muller quere amosar o desacordo coa decisión de dedicar o novo Xulgado de Primeira Instancia de Vigo a asuntos civís en xeral e esixe a súa dedicación a temas de familia en exclusiva de acordo coa proposta da Inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Os motivos que expoñen son a carga de traballo que soporta o xulgado existente que rexistrou 1.660 asuntos durante o ano 2001, ós que hai que engadir os asuntos de anos anteriores que seguen en trámite. Esta situación provoca que se estean sinalando vistas para separacións e divorcios para abril de 2003 e que as situacións de risco como maltrato familiar ou estado de necesidade económica se decidan como medidas urxentes catro meses despois de seren instadas.

A entidade e importancia de Vigo como a cidade máis grande de Galicia esixe a dotación de servicios xudiciais acordes coa súa dimensión, xa que hai cidades cun número de habitantes inferior que contan con dous xulgados de familia, segundo expón a Asociación Xustiza e Sociedade.

Outro argumento esgrimido é a transcendencia dos temas que se resolven a través do Xulgado de Familia dunha maior urxencia e importancia que asuntos de carácter civil, posto que afectan a colectivos especialmente necesitados de protección e, moitas veces, en circunstancias que demandan unha resposta áxil, como son os menores en situacións de risco ou os supostos de maltrato familiar.