Escoitar

O alcalde recoñece o compromiso coa liberdade do pintor Xavier Pousa

martes, 8 xan 2002
imx958.jpg
O Concello e a Fundación Xoan Piñeiro rendirellae esta tarde unha homenaxe o pintor Xavier Pousa, ó ano da súa morte, no teatro do centro Cultural Caixanova.O acto consistirá na lectura, por parte de amigos do artista, de textos que aparecen publicados no libro que sobre Xavier Pousa tamén se presenta hoxe.

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, recoñece o compromiso do pintor coa libertade, e así se recolle no prólogo do libro: ” Compre conservar a herdanza do pasado para desenvolver a nosa propia identidade. Palabras dunha persoa que soubo manter a congruencia entre o seu pensamento e a súa acción vital: Xavier Pousa, artista, e tamén home comprometido coa súa xente e co seu país: fiel sempre ás súas ambicións de liberdade: sensible para apreciar as cores, as formas e as paisaxes, pero tamén as inxustizas e o sufrimento dos humildes.

Na Galiza que amaba con entusiasmo, dous lugares en especial encheron as pupilas do creador viaxeiro: Goián, o berce do que se nutriron tantos dos seus cadros e o Vigo da infancia e da madurez fecunda. Pousa foi para moitos artistas galegos novos como o pai Miño que el admiraba con pracer dende a ribeira. Para o Vigo que o tratou no café Derby, na tasca do Elixio, no recuncho familiar de Alcabre, foi bo amigo, mestre e motivo de orgullo.

A herdanza que Xavier Pousa nos deixa non se limita a eses cadros nos que embelecía a natureza. O seu principal legado e ensinanza foi o amor polas liberdades, pola nosa lingua e as nosas xentes. Esa é a herdanza que a el lle gustaría que cultivasemos para que froitificara en xeracións vindeiras.

O Pousa artista merece o noso recoñecemento. O Pousa home ten ben gañada esta homenaxe que lle tributan os que o coñeceron e apreciaron e toda a cidade de Vigo”.

Xavier Pousa nace en Goián e vive entre a súa vila natal e Vigo. Pintor de cor e paisaxes. Foi membro do padroado do Museo Municipal Quiñones de León.

Descargar todas as imaxes