Escoitar

Alecrín dirixirá un ano máis a Casa de Acollida para mulleres maltratadas

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns unha prórroga de un ano para o contrato de servizo de atención a mulleres maltratadas na Casa de Acollida, do cal é adxudicataria a empresa Grupo de Estudios sobre a condición da Muller - Alecrín.

luns, 23 xan 2006
1138022693xunta230106.jpg
A prórroga será vixente do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2006. Polo servizo que prestará durante este periodo, Alecrín recibirá do Concello uns 301.500 euros.

Tamén na área da Muller, a Xunta de Goberno autorizou un gasto de cerca de 24.000 euros para facer fronte á contratación das monitoras que impartirán os cursos do programa "Eu tamén sei", co que a Concellaría quere mellorar a formación e participación das mulleres. O segundo cuadrimestre deste programa desenvolverase do 20 de febreiro ao 10 de xuño deste ano.

Novos autobuses accesibles

Por outra parte, o Goberno Local aprobou a adhesión do Concello de Vigo a un convenio de colaboración desenvolvido polo IMSERSO e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para promover a accesibilidade no transporte público urbano.

Coa adhesión do Concello a este convenio a flota que circula por Vigo contará con 12 novos autobuses accesibles. Destes novos autobuses, todos de plataforma baixa, oito pertencerán ao modelo estándar (marca IVECO, 12 metros) e os catro restantes serán pequenos (marca MAN, 10 metros). A comisión de seguimento do convenio acordou en decembro que apoiará a incorporación de catro autobuses estándar e dous pequenos á flota viguesa cunha achega duns 48.000 euros.

Ademais, na área de Patrimonio e Contratación, a Xunta de Goberno autorizou a cesión dun local na praza da Princesa nº 7 ao Consorcio do Casco Vello de Vigo para que estableza nel a súa sede provisional. A cesión, de carácter gratuíto, faise por un prazo de dous anos, prorrogables por periodos anuais ata un máximo doutros dous.

Outra cesión aprobada hoxe luns é a de parte do Mercado de Cabral á Fundación Galega do Metal, por un prazo de 25 anos, para o desenvolvemento dos fins propios dos seus estatutos e, en particular, daqueles programas e actividades sociolaborais dirixidas ao fomento da formación e cualificación profesional e á mellora do emprego nese sector.
Descargar todas as imaxes