Escoitar

Adxudicadas as obras de humanización do Calvario

venres, 21 dec 2001
A empresa Construcciones Crespo será a que realice as obras de humanización de Urzaiz entre as rúas León e Sagunto. A empresa comprometeuse a acurtar o prazo de execución a só tres meses e ofreceu algunhas melloras ao proxecto aprobado polo Concello.

As obras no Calvario comezarán a primeiros de ano. Cando finalicen, a rúa Urzaiz ofrecerá unha apariencia moi semellante á que actualmente ten Velázquez Moreno, rúa recentemente reformada. O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, e o de Vías e Obras, Uxío González, manifestaron que estas actuacións serán o exemplo do que o goberno municipal quere levar a cabo noutros puntos da cidade.


O Concello actualizará o seu inventario de bens

O Goberno municipal adxudicou á empresa Soloplan o traballo de revisión, comprobación e actualización do Inventario municipal de Bens e Dereitos. O obxectivo deste contrato é coñecer perfectamente as propiedades municipais, tanto mobiliarias como inmobiliarias, para poder realizar unha xestión máis eficiente do patrimonio.

Durante o ano 2002 vaise realizar unha revisión exhaustiva de tódolos bens do Concello para poñer ao día un inventario que non se actualiza dende hai unha década. Outra das tarefas que se efectuarán é a de separar o patrimonio municipal do solo para facilitar a xestión da Xerencia de Urbanismo. O resultado da revisión será informatizado para facer máis doada a súa consulta e control.