Escoitar
No mes de abril producíronse 400 consultas máis

O novo horario dos servicios municipais de información xuvenil incrementou notablemente a demanda

mércores, 22 mai 2002
imx1438.jpg
Local de Uruguai
O novo horario dos servicios de información xuvenil e a apertura dun novo punto informativo foron factores que determinaron un incremento notable das demandas dos xoves de Vigo. De feito, no mes de abril producíronse 400 consultas máis, xa que se pasou dunha media mensual de 600 a 1.000 demandas.

O esforzo da Concellería de Xuventude en adaptar a súa oferta ao ritmo xuvenil materializouse na ampliación do horario ás tardes de 18.00 a 21.00 horas. Ao mesmo tempo, os servicios que se ofrecen na Casa da Xuventude, en López Mora, descentralizáronse coa posta en marcha dun novo punto de información xuvenil na rúa Uruguai, 9.

Un maior coñecemento por parte dos mozos das medidas adoptadas nos últimos meses redundará nun incremento aínda maior da demanda de información. No primeiro mes xa se constatou un aumento progresivo das visitas que os xoves fixeron aos servicios municipais para solicitar información sobre os temas que suscitaron o seu interese.

Os técnicos especializados en educación da Casa da Xuventude detectaron un interese crecente dos mozos polas materias relacionadas coa formación profesional, fronte a tendencia que representa a Universidade.

Precisamente, o Servicio Municipal de Información ao Estudiante dispón dun completo fondo informativo e documental sobre formación profesional, que o converte no principal punto informativo da cidade sobre educación. Os xoves que se acheguen á Casa da Xuventude poden consultar unha relación completa dos ciclos formativos públicos e privados de Galicia coas materias, centros e prazos, así como unha colección de publicacións de orientación profesional. Os técnicos facilitan, ademais, información das saídas profesionais de maior demanda e orientación personalizada en cada caso particular.

Os mozos vigueses tamén piden moita información sobre emprego, fundamentalmente traballos que poidan desenvolver no verán nalgún país estranxeiro e sobre actividades de voluntariado nos campos de traballo que están habilitados en varias comunidades autónomas e alén das nosas fronteiras.

Outra das facetas informativas máis utilizadas nesta época do ano é a relacionada co turismo xuvenil. Os técnicos de información asesoran aos demandantes sobre os aloxamentos máis económicos, carnés e descontos para xoves, transportes máis baratos e información turística de cada país. Ademais de recibir datos sobre os campings e albergues máis axeitados, os xoves dispoñen das guías trotamundos, que se prestan durante un período de 3 días.

Os mozos poden completar a información sobre estes aspectos a través de Internet cunha conexión nun dos postos que están operativos na Casa da Xuventude e que son de acceso gratuíto. Neste sentido, en breve prazo entrará en funcionamento o portal xuventudevigo.org, no que o torrente informativo que se canaliza agora só de maneira presencial poida ser consultado on-line.

Descargar todas as imaxes