Escoitar

As actuacións do Concello en Beade supoñen 1,2 millóns de investimento desde 2004

A alcaldesa visitou hoxe xoves a parroquia de Beade para coñecer o estado das obras que se están a realizar dentro do convenio de actuación da Deputación. As actuacións do Concello nesta parroquia desde xaneiro de 2004 supuxeron un investimento de máis de 1,2 millóns de euros.

xoves, 8 set 2005
A alcaldesa, Corina Porro e o concelleiro de distristo Carlos Comesaña visitaron hoxe xoves as obras no asfaltado e nas beirarrúas que se están acometendo nas estradas Coutada e Ramiro Pascual, en Beade, dentro do convenio de actuación da Deputación Provincial de Pontevedra. A alcaldesa referiuse aos traballos realizados en 50 camiños da parroquia, dos cales sete foron obxecto dunha profunda reparación.

En total, as actuacións municipais realizadas e pendentes de execución desde xaneiro de 2004 en Beade supoñen un investimento de 1.229.444,55 euros. A maior parte deste investimento corresponde a traballos de mellora das vías e de saneamento da zona.

Así, mediante un convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, urbanizouse o tramo que discorre entre Presas e Carneiras pasando pola igrexa de Beade, dotándoo de beirarrúas, pluviais, renovación de rodadura, pintado e iluminación. O custo destas obras foi de 917.933,38 euros e correu a cargo da Deputación.

Tamén en colaboración coa Deputación, pavimentáronse e asfaltáronse, por 9.985,81 euros, os camiños de Barreira, Batalla, Figueirós, Laranxo e Real. Outra serie de rúas e camiños de toda a parroquia foron asfaltados e paviementados con cargo ao Concello, cun custo total de 86.187,88 euros.

No marco doutro convenio, este entre o Concello e Aqualia, acometeuse o saneamento da parroquia, cun investimento de 102.064,01 euros.

Tamén no que respecta ao Departamento de Vías e Obras, realizouse en 2005 un convenio de cesión indefinida de terreos entre o Concello e a Comunidade de Montes de Beade, para a colocación de depósitos para fornecer a parroquia de auga.

Por outra parte, o Departamento de Electromecánicos investiu en Beade 29.099,89 euros. As actuacións máis importantes neste campo foron, en 2004, a colocación de dous postes de formigón no camiño Alén (1.074,06 euros), e en 2005, a posta en marcha do Centro de Mando no camiño do Concello (11.578,11 euros) e a colocación de liña e de cinco luminarias no camiño Batalla (2.461,83 euros) e de liña e sete luminarias no camiño Real (3.922,53 euros).

En canto ao Departamento de Educación, o investimento foi de 23.241 euros en concepto de mantemento no Colexio CEIP Coutada-Beade no ano 2004. Desta cantidade, 16.990 corresponderon aos aseos para nenos do ximnasio e 6.251 á dotación de iluminación da pista polideportiva.

Este ano están pendentes de execución dúas obras. A primeira é a de construcción dunha pista cuberta de petanca. O custo desta actuación, que corre a cargo do Concello, é de 32.000 euros. A obra adxudicarase proximamente.

A outra obra pendente é a segunda fase do muro e cerca do CEIP Coutada-Beade, cun custo de 36.670 euros, a cargo, tamén, do Concello. Esta actuación foi adxudicada á empresa Obras y Construcciones Dios S.A.