Escoitar

A Semana de Teatro en Familia trae as obras máis divertidas á praza da Estrela

A XII Semana de Teatro en Familia trae estes días a Vigo diversas obras teatrais a cargo de compañías de gran prestixio, para desfrute de nenos e maiores. Todas as representacións terán lugar na praza da Estrela, a partir das 20:00.

martes, 2 ago 2005
Hoxe, martes 2 de agosto, actúa a compañía profesional de teatro para todos os públicos Clown Teatre, de Cataluña. A obra que representan, "Odón Quijote", cóntanos a historia dun vello libreiro, o señor Honorato, que morre e deixa en herdanza a librería ao seu sobriño Odón, un rapaz ao que non lle gusta ler.

O mércores, 3 de agosto, será a vez dos andaluces Tanit Teatro. Tanit Teatro sembra de soños desde 1981 os escenarios, divertindo a nenos e non tan nenos de Europa, África e América. A Vigo traen este verán a súa máis recente creación: "Amigo". Este espectáculo móstranos un paiaso cantarín, unha bailarina descalza e un par de zapatos perdidos, que son o punto de partida dunha obra musical cargada de enerxía. Un montón de caixas de cartón e unha intensa complicidade co público permítenlle aos protagonistas, Catalina e Isidro, recrear atmosferas sonoras e sitios imaxinados.

O xoves, 4 de agosto, La Stravagante Compañía, da Comunidade Valenciana, presenta o seu espectáculo visual e de improvisación "Master Clown". Nel, o paiaso francés Alain Vigneau invítanos a un xogo desenfadado. Maxia, malabares de luz, mimo, monociclo, equilibrismo e pratos chineses, xunto co humor, conforman o eixo deste espectáculo, recomendado para público familiar e que conta no seu haber con máis de 200 representacións ao longo de todo o mundo. Alaian Vigneau mestura perfectamente técnicas circenses, linguaxe de clown, participación do público e improvisación, nunha obra fresca, orixinal e divertida.

A Semana de Teatro en Familia chegará á súa fin o venres 5 de agosto, coa representación do espectáculo de paiasos "A todo trapo", a cargo da compañía andaluza Lavi e Bel. Neste espectáculo, Dary Azar é a cidade dos cómicos, un lugar mítico, repleto de artistas, que foi sitiado polas tropas dun señor da guerra: o Khan Xharón. Na cidade non hai armas, só contan coa súa arte e o seu bo ánimo, o que fai que nuns meses a situación sexa desesperada. A historia reserva un final absurdamente feliz, nunha sorte de utopía pura.