Escoitar

O Consello da Xerencia propón a relación de postos do Organismo Autónomo para 2005

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo adoptou na súa reunión de hoxe, xoves 14 de xullo, un acordo polo que lle propón á Xunta de Goberno Local que aprobe a relación de postos de traballo correspondente ao persoal da propia Xerencia para 2005.

xoves, 14 xul 2005
1121340893xeren1407.jpg
Con esta proposta, o Consello reitera a que fixo o 11 de marzo deste mesmo ano, con algunhas variacións. Así, inclúese un novo posto, o de xefe do Servizo de Inspección Técnica de Edificios. Este posto créase con cargo a unha das tres prazas de arquitecto existentes no cadro de persoal aprobado co orzamento de 2005. Esta inclusión débese á inminencia da entrada en vigor (1 de xaneiro de 2006) da nova Ordenanza urbanística sobre a inspección técnica de edificios.

Ademais, redúcense as retribucións complementarias asignadas a determinadas xefaturas e resérvase a forma de provisión de "libre designación" a determindos postos, debido ao marcado carácter directivo ou á especial responsabilidade destes. Trátase dos postos de secretario, director da Área de Servizos Centrais, adxunto ao director dos Servizos Técnicos, adxunto ao director de Planeamento e Xestión, e os de xefes dos servizos de Licenzas e Obras, Licenzas de Actividades, Disciplina Urbanística e Inspección Técnica de Edificios.

Segundo explicou o xerente de Urbanismo, Xabier Rivas, coa relación proposta hoxe polo Consello "quedaría definida unha organización racional e xerarquizada", algo "básico para que a Xerencia funcione en condicións".

O voceiro do goberno municipal, José Manuel Figueroa, referiuse á entrada en vigor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal a principios de 2006 e relacionouna coa posta en marcha, "a partir de setembro", dunha "ampliación e reestructuración" da Xerencia de Urbanismo. José Manuel Figueroa anunciou a creación dunha empresa municipal do solo, así como o probable traslado da Xerencia a outro edificio, xa que "este queda pequeno". Para isto, desde o goberno municipal, dixo, "buscaremos o respaldo da corporación".

Mentres, para o representante do PSdeG-PSOE, Mauricio Ruiz, o goberno municipal non potenciou os departamentos "máis deficientes" a través do orzamento, senón que "fixo todo o contrario". Mauricio Ruiz lamentou o, na súa opinión, mal estado da Inspección Técnica de Edificios, e sinalou que "este tema se podía resolver a partir de agora". Pola súa parte, Manoel Soto, do PG, preguntou polos "obxectivos políticos" para o funcionamento da Xerencia agora e "para cando entre en vigor o Plan Xeral".
Descargar todas as imaxes