Escoitar

Arranca a programación do Cine Club co film "Capturing the Friedmans"

"Zamán, l'homme des roseaux", "Northfork" e "Das testament des Mr. Mabuse", completan a cartelera do Cine Club Lumiere para o mes de setembro. A proxección das películas terá lugar os luns ás 20.30 horas no auditorio municipal.

venres, 3 set 2004
Sinopse
Ambientada nos anos 80, na acomodada comunidade de Long Island, onde ocorreron os feitos, o film narra a vida da familia Friedman, logo de seren detinos Arnold Friedman e o seu fillo Jesse, acusados de centos de delitos de pederastia.

As contradiccións dos testemuños, as atopadas teorías policiais e a falta de evidencias, fixeron que o cineasta tomase partido neste caso: "tratei de ser o máis obxectivo posible, a verdade non é sinxela de agarrar, Arnold era pederasta pero tamén foi víctima dun linchamento. Esta histeria arrastrou ao seu fillo. O filme acepta a incerteza, non sabemos todo nin poderemos sabelo".

Premios
O documental do director e guionista Andrew Jarecki acadou os seguintes premios:
- Premio ao mellor documental no Festival de Cine de Sao Paulo, 2003
- Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance, 2003
- Premio ao Mellor Documental e Mellor Director Novel, da Asociación de Críticos da Prensa de Toronto, Boston, Florida, Kansas City, As Vegas, Nova York, Seattle e San Francisco, 2003-04.

Andrew Jarecki
Guionista, compositor, productor e realizador, graduado pola Universidade de Princenton, nos Estados Unidos. Fillo dunha crítica de cine do Times, e irmán de Eugene Jarecki, realizador do documental "The trials of Henry Kissinger", o seu interese por este arte é algo que ten vivido dende moi pequeno na súa casa.

Iniciouse no mundo do cine como compositor, na serie "Felicity". A súa primeira curtametraxe, "Swimming", tamén acadou un éxito de crítica e público, así como o premio Focus Film Award, no Festival de Cine de Sundance.

Esta é a súa primeira longametraxe. O seu último traballo é "Just a clown" (2004), aínda sen estrear.