Escoitar

Aberta a inscrición para as VI Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas

A Concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo organiza, en colaboración coa asociación cultural "Interfolc", as VI Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas, que terán lugar no teatro-sala de concertos do Centro Cultural Caixanova, os días 6, 7 e 21 de novembro, a partir das 20.00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de outubro.

xoves, 2 set 2004
1094118761danza.jpg
Grupo de música tradicional galega
Nestas xornadas poderán inscribirse todas aquelas agrupacións de danza e música galegas que o desexen e que pertenzan a unha entidade legalmente constituída, sen ánimo de lucro. O grupo terá obrigatoriamente un mínimo de seis parellas mixtas no escenario, e os seus compoñentes deberán ser maiores de 15 anos. Neste sentido o xurado poderá requirir a presentación dalgún documento de identificación de calquera das persoas participantes.

A solicitude de inscrición poderá realizarse ata as 13 horas do día 22 de outubro na Escola Municipal de Danza do Concello, en horario de luns a venres, de 10 a 12 horas e os xoves de 19.00 a 22.00 horas. As solicitudes poderán entregarse persoalmente ou ben remitilas por correo ou fax á citada escola (praza do Rei, s/n; CP 36202; teléfono/fax: 986.81.01.67; correo: escola.danza@vigo.org). Non se admitirá ningunha solicitude que se reciba con posterioridade á hora e data indicadas, calquera que sexa o motivo do atraso.

O comité organizador das xornadas seleccionará entre todas as solicitudes recibidas un total de 12 agrupacións, para o que se terá en conta a calidade do grupo, a experiencia nacional e internacional, a participación noutros certames ou festivais, os premios obtidos, o número de compoñentes...

Así, o día 6 de novembro actuarán seis agrupacións e o 7 as restantes. O día 21 terá lugar a final das xornadas.

Cada agrupación bailará dúas danzas, cunha duración máxima de 5 minutos cada unha delas. As que finalmente resulten clasificadas para a fase final deberán cambiar unha das pezas obrigatoriamente.

O xurado valorá nas actuacións a calidade artística dos bailaríns,o grao de dificultade e autenticidade das danzas interpretadas e do vestiario utilizado ou o valor interpretativo do grupo de acompañamento.

Premios
Os premios estableidos polo comité organizador serán os seguintes:

1º premio: 1.500 euros, medalla e diploma.
2º premio: 900 euros, medalla e diploma.
3º premio: 600 euros, medalla e diploma.
4º premio: 300 euros, e diploma
5º e 6º premio: diploma.
Premio especial de 150 euros, e diploma ao millor bailarín.
Premio especial de 150 euros, e diploma á mellor bailarina.
Premio especial de 180 euros, ao millor grupo de acompañamento.

Asimesmo, a organización aboaralle a cada agrupación participante de fóra do termo municipal de Vigo a cantidade de 240 euros en concepto de gastos de desprazamento, e 120 euros no caso das agrupacións da cidade.
Descargar todas as imaxes