Escoitar

O Concello prepara un plan de integración de persoas desfavorecidas

luns, 23 xul 2001
O Concello de Vigo vai asinar un convenio coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para crear na nosa cidade un equipo que traballe na integración de persoas desfavorecidas. A posta en marcha deste dispositivo permitirá continuar cos traballos do proxecto Rede, dentro do cal se realizaban actividades de inserción sociolaboral de persoas beneficiarias da renda de integración social.

A Xunta de Galicia financiará con 18 millóns de pesetas a creación dun equipo multidisciplinar que se encargará de detectar beneficiarios deste Plan e de deseñar para eles proxectos individualizados de inserción sociolaboral. O obxectivo xeral do programa é o de capacitar para o desempeño dunha profesión ou oficio a persoas que viven na pobreza ou nunha situación de exclusión social.


O Concello investirá 40 millóns de pesetas no arranxo de beirarrúas

A Comisión de Goberno adxudicou á empresa Obras y Construcciones Dios S.A. o concurso convocado para realizar os traballos de reparación das beirarrúas de Vigo. O prezo da adxudicación é de 40.847.000 pesetas. A empresa comprométese a realizar todos os arranxos de beirarrúas indicados polo Concello na zona urbana do municipio.


O alcalde convocará un pleno extraordinario sobre os estudios de Telecomunicacións en Vigo

A corporación municipal desenvolverá a próxima semana un pleno extraordinario para aprobar unha resolución sobre o futuro dos estudios de enxeñería de Telecomunicacións na nosa cidade. Esta sesión realizarase xunto co pleno ordinario correspondente ao mes de xullo.