O Concello amplía o horario dos cemiterios e prepara as visitas teatralizadas en Pereiró
Con motivo da festividade de Tódolos Santos, os oito cemiterios municipais prolongan o seu horario e arrincan novamente as visitas guiadas teatralizadas ao cemiterio de Pereiró.
O alcalde anunciou que os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro os cemiterios municipais permanecerán abertos ininterrompidamente desde as 9:00 horas ata as 18:30 horas. Esta medida afecta aos camposantos de Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Teis, Pereiró e Zamáns.
Paralelamente, o Goberno municipal retoma o programa de visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró, que se desenvolverán entre o 27 de outubro e o 21 de novembro. Segundo Caballero, a actividade será de balde para a cidadanía, ao estar subvencionada integramente polo Concello cun investimento de 25.423,14 euros.
O obxectivo principal destas xornadas é achegar á cidadanía viguesa á memoria histórica da cidade. As visitas estarán dirixidas por guías turísticos caracterizados por catro figuras relevantes como Concepción Arenal, a marquesa de Valadares, Irene Ceballos e Bernardo González del Valle.
Haberá 1.500 prazas dispoñibles e cada percorrido contará coa participación dun máximo de 25 visitantes. Ofreceranse tres pases por día e a duración das rutas será de hora e media, con saídas ás 18:30, 19:00 e 19:30 horas.
As inscricións poderán realizarse de xeito progresivo, en función das datas elixidas,
de forma presencial na xanela de Turismo (número 19) da lonxa do Concello ou por vía telefónica a través do 010.
Calendario de inscrición e datas das vsitas guiadas teatralizadas:
Inscrición o luns 26 de outubro para as visitas dos días 27, 28, 29 e 30 de outubro.
Inscrición o venres 30 de outubro para as visitas dos días 4, 5, 6, 7 e 8 de novembro.
Inscrición o venres 6 de novembro para as visitas dos días 11, 12, 13, 14 e 15 de novembro.
Inscrición o venres 13 de novembro para as visitas dos días 18, 19, 20 e 21 de novembro.