O alcalde comparte a preocupación de SOS Sanidade Pública polo “imparable aumento das listas de agarda”
O alcalde asegurou que a sanidade está a vivir a situación máis calamitosa da historia da cidade. Así o confirmou logo de manter un encontro con SOS Sanidade Pública con quen analizou o “imparable aumento das listas de agarda”.
Abel Caballero deu conta esta mañá da reunión que mantivo con membros da Plataforma SOS Sanidade Pública con quen compartiu a súa diagnose sobre a situación sanitaria en Vigo. O alcalde referiuse ao “imparable aumento das listas de agarda, tanto para unha intervención cirúrxica como para a atención especializada, sen que se dote dos medios humanos necesarios para proporcionar a atención que a cidadanía demanda.
Lembrou que a 30 de xuño, 88.285 pacientes del área de Vigo estaban á espera dunha intervención; de atención especializada ou dunha proba diagnóstica; 10.780 persoas esperaban para unha ciruxía - con 86 días de agarda media para una intervención. Outras 44.000 están pendentes dunha consulta, cun tempo medio de espera de 67 días de espera para atención especializada. Pasamos de 39.000 a 44.000 pacientes en espera. Ademais, 33.642 persoas están á espera dunha proba diagnóstica.
Estes datos revelan, dixo, que a situación é peor que na pandemia e a Xunta limítase a culpar da situación á folga de médicos eludindo que son é a administración responsable e que está a someter aos profesionais a unha “presión insoportable”.
Caballero non esqueceu referirse aos recentes peches dos centros de saúde de Nicolás Peña e López Mora así como ao cese da actividade pediátrica nos centros de Coia, Pintor Colmeiro, López Mora e Nicolás Peña, todos trasladados ao Olimpia Valencia que, obviamente, xa está saturada. Finalizou cualificando a situación sanitaria como a máis “calamitosa” na historia da cidade.