O Goberno local comezará a obra de reparación do muro de Toralla no próximo mes
Vigo destina 3,2 millóns de euros á reparación de muros para garantir a seguridade na cidade. A Xunta de Goberno adxudicou por 359.000 euros a reparación do muro de contención da vila romana de Toralla, cun prazo de execución de catro meses.
O rexedor explicou que a actuación se tramitou por emerxencia ante a necesidade de garantir a seguridade neste espazo patrimonial. “A seguridade é o primeiro nesta cidade”, afirmou.
Caballero destacou que esta intervención forma parte dun programa municipal de reparación e consolidación de muros que alcanza os 3,2 millóns de euros, despois dun inverno especialmente duro que provocou danos en diferentes puntos da cidade. O Concello xa acometeu actuacións en Vista do Mar, rúa Cantabria, Traída das Augas, Camiño Igrexa, Baixada á Praia, Santa Baia, campo de fútbol das Relfas, parque de Navia e no colexio Igrexa Valadares.
O alcalde avanzou que están a piques de rematar os traballos no muro do colexio Valle-Inclán e que tamén se acometerán reparacións no Camiño Galindra, na escola infantil Vila Laura e no colexio Mestres Goldar. Incidiu tamén na importancia destas intervencións para previr riscos e garantir a seguridade da cidadanía. Neste sentido, criticou que a Xunta de Galicia non asuma actuacións que considera da súa competencia, especialmente nos centros educativos. Como exemplo, referiuse á reparación do muro do colexio Igrexa Valadares, que presentaba problemas de estabilidade e cuxa recuperación foi asumida polo Concello.