Escoitar

Corina Porro anuncia un “grande esforzo” do Goberno con Bouzas

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, anunciou hoxe a intención do Goberno municipal de realizar no ano 2004 “un grande esforzo” coa parroquia de Bouzas, “un esforzo continuado, para resolver, definitivamente, os desencontros do pasado”, sinalou a alcaldesa no transcurso dos actos de conmemoración do centenario da agregación dos municipios de Vigo e Bouzas.

luns, 5 xan 2004
En concreto, Corina Porro indicou que o Goberno “xa está a traballar para que o centro de saúde” que precisa Bouzas “sexa pronto unha realidade”. Ademais, anunciou que dende o Concello se están a coordinar tarefas para rehabilitar algúns dos edificios máis singulares do barrio histórico. “Queremos que a alameda, símbolo de encontro nesta puxante vila, sexa realmente un espacio para compartir”.

A alcaldesa de Vigo, que recibiu nos actos conmemorativos o bastón de mando do derradeiro alcalde de Bouzas, Severino Pinal Pernas, e descubriu unha placa conmemorativa na que fora vivenda do rexidor desta vila, apostou pola mellora das prazas, as rúas, os xardíns desta parroquia e pola proliferación de espacios para os máis pequenos. “Este é o ano de Bouzas, e tódolos vigueses nos sentimos moi orgullosos de celebralo coma conveciños”, concluiu.

Vigo, 5 de xaneiro de 2004