Escoitar

O Concello chama a participar na gala solidaria da Asociación Bicos de Papel

O Concello de Vigo apoia de forma “inquebrantable e sen fisuras” á Asociación de Axuda aos Nenos Oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro Bicos de Papel, animando á cidadanía para participar este sábado 24 de febreiro na sétima gala solidaria organizada no cinema-teatro do Colexio Salesianos para recadar fondos cos que desenvolver distintos proxectos. O respaldo municipal foi trasladado este xoves pola concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, a presidenta da asociación, Natalia Dieste.

xoves, 22 feb 2024

“Queremos convidar a participar na sétima gala solidaria porque desde o Concello de Vigo apoiamos o proxecto de Bicos de Papel, que trata de humanizar e dotar de calidade de vida aos nenos enfermos de cancro hospitalizados”. É a mensaxe dirixida pola concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, para animar ás familias para participar nun acto solidario que conta cun programa de calidade, e que inclúe tanto actividades na entrada do teatro, como a representación do musical do Rey León, entre outras propostas.

A concelleira destacou o traballo desenvolvido desde a súa creación pola Asociación Bicos de Papel para “humanizar e normalizar o contexto no que os menores viven as súas longas e duras estancias dos menores no hospital”.

Yolanda Aguiar congratulouse da construción do novo parque infantil no Hospital Álvaro Cunqueiro, á vez que recalcou que toda a recadación da gala destinarase ao programa de humanización da estancia dos nenos e agradeceu á banca Mediolanum a súa colaboración xa que se comprometeu a duplicar os ingresos por vendas de entradas a través da súa entidade.

A presidenta da asociación, Natalia Dieste, insistiu en apelar á solidariedade dos cidadáns e en chamar a aproveitar o vindeiro sábado para asistir, a partir das 4,30 da tarde, primeiro de actividades e a continuación dunha gala que conta con actuacións de calidade. “Non é só un plan solidario, senón planazo familiar estupendo para pasar a tarde”, sinalou, ao explicar que na páxina “O meu gran de area” está aberto o reto patrocinado por Mediolanum.

Descargar todas as imaxes