Escoitar

Caballero di que Vigo "é referencia" con eventos deportivos como o Desafío Illas Cíes de tríatlon

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou a disputa "dunha gran proba deportiva" este domingo no Vao, onde se celebrará o X Desafío Illas Cíes, que comeza ás 8:15 horas.

venres, 15 set 2023

O rexedor presentou o evento acompañado polo seu director, Ricardo Martínez, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández. O campionato, que tamén é o Galego de media distancia, conta co Concello como patrocinador principal.

A esa cuestión referiuse Ricardo Martínez, porque "foi un ano complicado" coa caída xeral de patrocinios privados, sendo a administración municipal o principal apoio. Martínez Abril subliñou que a proba, á que acoden uns 250 triatletas "de todas partes de España", é un exemplo "do turismo deportivo que temos que poñer en valor porque este Desafío Illas Cíes é un reclamo turístico".

Caballero lembrou que "a pandemia rompeu códigos de conduta e apoio ao deporte" e reclamou ao tecido empresarial que recupere a súa posición no ámbito deportivo. "Temos que volver retomar a nosa propia proximidade ao sector privado, e non só polo apoio económico, senón pola colaboración público-privada", sostivo.

O rexedor transmitiu ao director do Desafío a súa felicitación por un evento "excepcional" e subliñou o seu desexo de que "Vigo sexa referencia en tódolos ámbitos porque a cidade reúne todas as características" para organizar as mellores competicións. O tríatlon, con base na praia do Vao e a utilización dos servizos do campo de fútbol, comezará coa proba de natación (1,9 km.), á que seguirá o ciclismo (catro voltas a un circuíto entre O Vao e Nigrán para completar 88 quilómetros), para rematar coa carreira a pé entre O Vao e Samil (tres voltas) ata cubrir 21 quilómetros.

Descargar todas as imaxes