Vigo rexistra a mellor ocupación hoteleira nun mes de xuño
Abel Caballero deu conta dos datos de ocupación hoteleira no mes de xuño, acadando un nivel de ocupación do 76,25%. Esta é a mellor cifra da serie histórica, superando aos anos 2019 e 2022.
O alcalde deu conta dos datos de ocupación hoteleira no mes de xuño en Vigo, que foi do 76,25%. Esta cifra é a maior rexistrada nun mes de xuño de toda a serie histórica, superando nun 1,13% a de 2019 e en 6 puntos a de 2022.
Abel Caballero considera que Vigo “ten unha boa diversificación do turismo” ao repartirse o total entre 50% do ámbito nacional, 34,7% internacionais e 14,8 do resto de Galicia. O rexedor puxo de manifesto que como é habitual, os portugueses son os que máis nos visitan do ámbito internacional, aínda que tamén destacou en rolda de prensa o turismo procedente de Reino Unido (8%), Alemania (7,5%), EEUU (7,4%), Italia (7%) e Francia (5,3%).
A estancia media na cidade dos turistas foi de 2,11 días, o que, segundo Caballero, “pode ser o presaxio dun verano único na historia de Vigo”.