O Vigo Global Summit 2023 reunirá en Vigo a recoñecidos expertos mundiais en economía
Esta mañá o alcalde e o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, presentaron o programa que reunirá por primeira vez en España a dous premios Nobel de Economía.

Baixo o lema “A economía do futuro”, os nobeis Paul Krugman e Abhijit Banerjee estarán no Auditorio Mar de Vigo o 27 e 28 de xuño coincidindo co 75 aniversario do Consorcio de Zona Franca. A empresaria Bisila Bokoko ou Pedro Siza, exministro de economía de Portugal, tamén estarán entre os líderes de opinión que se reunirán no congreso, que terá conferencias e mesas redondas nas que se analizarán os principais desafíos mundiais.
Abel Caballero destacou que “a Zona Franca é un motor da economía e a economía ten que ir á beira da acción política en democracia, xunto coas empresas”. Subliñou que neste congreso “exporanse grandes análises, que teñen que dar paso ás grandes transformacións, como son a visión de Krugman en liña co keinesianismo e a concepción riqueza-pobreza de Banerjee, sumado á visión necesaria do medio ambiente e a revolución do feminismo”. Pola súa banda, David Regades explicou que “nun momento de tantas incertezas, en Vigo estaremos a marcar a folla de ruta do futuro económico cun congreso de nivel internacional, no que participarán os mellores, entre eles dous Premios Nobel. De todos os desafíos do momento e das súas solucións falarase en Vigo a finais de xuño”.
O obxectivo deste encontro é ofrecer un marco apropiado para a reflexión colectiva, da man de líderes de análises e opinión, auténticas referencias no mundo da economía, os negocios e a política, que propoñerán solucións para afrontar tanto os retos imprevistos como os desafíos a longo prazo.


