O Concello avanza na tramitación do Barrio do Cura facilitando a ampliación dos viarios
A tramitación do Barrio do Cura segue avanzando, nesta ocasión coa aprobación da normalización das parcelas de solo urbano consolidado. Esta actuación permitirá ampliar os viarios e compensar ao Concello con máis de 500.000 euros por ser titular dalgunha deses espazos.
O goberno local aprobará na próxima Xerencia de Urbanismo a normalización das parcelas de solo urbano consolidado do Barrio do Cura que permitirá a ampliación dos viarios. Trátase de dous ámbitos, concretou, un situado fronte as rúas Llorente e Santa Marta e outro, emprazado na rúa Pi i Margall.
Coa aprobación deste expediente, que estará en exposición pública un mes, conseguirase ampliar os viarios e, ademais, o Concello recibirá 576.705 euros como compensación polas parcelas municipais na zona.
O alcalde amosou a súa satisfacción co avance na tramitación dunha das grandes transformacións da cidade, executada con gran respecto á tradición e ao que ten valor histórico, precisou. A actuación urbanística de Barrio do Cura permitirá potenciar e prolongar o Paso de Alfonso, ademais de permitir ampliar as rúas Santa Marta e Llorente.
Respecto do estado da tramitación urbanística, Caballero lembrou que xa está aprobado o proxecto de urbanización de solo urbano non consolidado e xa se están estudando os proxectos presentados para a concesión de licenzas.