Vigo homenaxeará aos falecidos do Vila de Pitanxo cunha placa na súa memoria
O alcalde trasladou aos familiares dos mariñeiros do Vila do Pintanxo a vontade da cidade de sumarse á conmemoración do aniversario do naufraxio no que perderon a vida 21 persoas. Trátase, dixo, dun chamamento á concienciación colectiva e a necesidade de reforzar a seguridade no mar.
O alcalde mantivo onte pola tarde unha reunión con familiares dos mariñeiros falecidos do Vila do Pitanxo. Durante a mesma e tal e como explicou Caballero, estes familiares solicitaron a instalación dunha placa que honre a súa memoria, nun momento no que se está a punto de cumprir o primeiro aniversario do naufraxio en augas de Terranova (Canadá) no que perderon a vida 21 mariñeiros.
Para Caballero, as demandas dos familiares son un chamamento á concienciación colectiva sobre o feito dramático desta traxedia e sobre a seguridade do mar. O naufraxio do Vila de Pintanxo, dixo, é da maior importancia, polo dramatismo que supón un número tan alto de vítimas e porque se trata dunha expresión da dureza da vida no mar.
O rexedor avanzou a vontade de colocar unha placa nun sitio “significativo” da cidade así como de organizar un concerto de música clásica o día do aniversario do naufraxio na honra dos traballadores que perderon a vida. Asi mesmo, ofreceuse a encargar unha “escultura recordatoria” e facela extensiva a toda a xente do mar.