Escoitar

O goberno local adica 95.000 euros á Fundación Laxeiro

A Xunta de Goberno aprobou a transferencia á subvención á Fundación Laxeiro cun importe de 95.000 euros para o seu mantemento. Abel Caballero lembrou que o Concello está a traballar na exposición de Laxeiro no MARCO que comezará no mes de febreiro e nas rutas Laxeiro para dar a coñecer a cidade a través dos lugares que forman parte da vida do pintor.

xoves, 12 xan 2023

Abel Caballero deu conta dos 220.000 euros achegados á cultura da cidade na Xunta de Goberno celebra este xoves. O goberno local aprobou a transferencia de 95.000 euros á Fundación Laxeiro e 125.000 euros á Fundación – Museo Liste Etnográfico.

Caballero destacou que o Concello está a pagar o 70% do mantemento da Fundación Laxeiro e case o 100% da Fundación – Museo Liste Etnográfico, cuestión que reprochou á Xunta de Galicia: “Sorprendentemente a Xunta só pon 15.000 euros para a Fundación Laxeiro, un gran revolucionario da pintura na segunda metade do século XX en toda España que transcende as nosas fronteiras. Convén dicir que a Xunta paga exposicións e museos enteiros en A Coruña e Santiago e aquí 15.000 euros. Esa é a súa achega cultural”.

O alcalde lembrou que Vigo está a preparar unha exposición da obra de Laxeiro no museo MARCO e unhas rutas xunto á Deputación de Pontevedra para dar a coñecer a cidade a través das rutas dos lugares que forman parte da vida de Laxeiro e a obra do pintor.

Voluntariado

A Xunta de Goberno tamén contratou o apoio técnico á oficina de voluntariado cun importe de 114.000 euros para coordinar a actuación dos voluntarios de Vigo, mellorar a súa atención en actividades, a xestión de eventos e facer distintas accións. O Concello conta con máis de 700 persoas inscritas no voluntariado.

Descargar todas as imaxes