Vigo súmase á iniciativa “Baixo un mesmo paraugas” para conmemorar o Día da Discapacidade
O Concello apoia un ano máis o acto organizado con motivo da celebración do Día Internacional das persoas con discapacidade. O sábado 3 de decembro entidades sociais de Vigo e da súa área daranse cita na Praza da Estrela para estar “Baixo o mesmo paraugas”.
O próximo sábado 3 de decembro unha ducia de entidades sociais de Vigo e do seu entorno reuniranse ás 12,00 h na Praza da Estrela para celebrar o Día Internacional das persoas con discapacidade coa iniciativa “Baixo o mesmo paraugas”. Este acto cumpre o seu sétimo aniversario e cada vez reúne a máis colectivos dos que HC San Rafael, APAMP, Aspanaex e San Juan acompañaron ao alcalde na rolda de prensa desta mañá.
O alcalde animou a cidadanía a participar nun gran movemento que “encherá de paraugas de cores toda Galicia para reivindicar de xeito conxunto os mesmos dereitos para as persoas con discapacidade”. As actividades comezarán coa lectura dun manifesto a cargo das persoas usuarias das entidades participantes: Apamp; Alento; Fundación Aldaba; Aceesca; Aspanaex; Avempo; Centro Juan María; Discamino; EVD Galicia; HC San Rafael Vigo; Fundación Menela e San Xerome Emiliani. A continuación, organizarase un desfile de paraugas e e premiaranse os mellor customizados. O acto finalizará con varias actuacións musicais nas que os asistentes poderán elevar os seus paraugas.
Tal e como afirmou Diego Viñas, director xerente de HC San Rafael e portavoz de las asociacións a “nosa meta é visibilizar uha sociedade diversa e plural, pero con desexos e ilusións por igual. O paraugas simboliza a unión e todos temos cabida baixo o mesmo paraugas”.