Escoitar

O Concello investirá 2,5 millóns de euros nas ramplas mecánicas de Escultor Gregorio Fernández

“Seguimos avanzando no Vigo Vertical” sinalou o alcalde en rolda de prensa ao informar da aprobación, este xoves, na Xunta de Goberno Local dará luz verde do proxecto de obra de implantación das ramplas mecánicas de transporte peonil.

mércores, 2 nov 2022

O Concello investirá 2,5 millóns de euros nas ramplas mecánicas da rúa Escultor Gregorio Fernández, que conectan a Praza de Fernando Católico con Vía Norte. O prazo estimado das obras é dun ano e, para realizalas, o goberno municipal ten solicitado fondos do Plan de Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ao igual que fixo coas ramplas da Gran Vía, cos que podería subvencionar un 80% do custo da obra.

Abel Caballero detallou en rolda de prensa que a obra comprende un área de actuación de 200 metros de rúa, nos que se instalarán 5 ramplas mecánicas que salvarán 15 metros de altura, na marxe dos números pares da rúa. Amais, substitúese o aparcamento en liña por aparcamento en batería e acometerase a mellora da rede de augas fecais e de pluviais da rúa, na que se construirán zonas axardinadas, na que se renovará a iluminación pública e quedará instalada nova sinalización horizontal e vertical.

“As novas ramplas trazan outro sistema de ascender Vigo enteiro”, desde a zona do Areal ata a zona de San Roque, primeiro coa rampla e o ascensor HALO, a actuación en Escultor Gregorio Fernández, o ascensor na rúa San Salvador e o que chega ata o barrio de Ribadavia, sinalou Caballero. Deste xeito, dixo, sálvase “80-85 metros de altura, unha pendente tremenda” e quedarán conectadas dúas grandes áreas da urbe: a zona de Areal, Rosalía e García Barbón, onde viven preto de 40.000 persoas, coa zona de Vía Norte e Urzáiz con Isabel a Católica e a zona alta de Vigo.

O rexedor trasladou a súa confianza en que a “obra poida ser financiada por fondos europeos do Goberno de España” e lamentou que Vigo non teña recibido “nin un céntimo de fondos europeos procedentes da Xunta de Galicia”, como correspondería a unha cidade galega.

Turismo

A ocupación hoteleira durante a ponte do 1 de novembro foi do 70%. Abel Caballero celebro o dato xa que "na ponte de Difuntos é temporada baixa" e afirmou que "Vigo é agora unha zona de afluencia turística moi imporante con alta ocupación todo o ano".

Descargar todas as imaxes